Mostra «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación». A Coruña
Visita ata o 9 de marzo, na Sede Afundación da Coruña, «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación». Unha mostra fascinante con que vivir en directo obras de Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, Castelao, José Manuel Broto, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luís Seoane, Menchu Lamas, Luís Caruncho ou Xaime Quessada, entre outros artistas nacionais e internacionais. Todo o percorrido expón a confluencia entre música e pintura, podendo degustar ata un total de 50 pezas excepcionais das coleccións de arte ABANCA e Afundación, a Obra Social de ABANCA. Ademais, presentamos un coidado programa de actividades e visitas guiadas para que poidas desfrutala a fondo, sexas da idade que sexas. Infórmate a seguir.
Conéctate á rede Wi-Fi e descarga de balde a aplicación Colección de Arte na App Store ou Google Play para gozares de todo o contido adicional das nosas mostras.
VISITAS GUIADAS
- Para grupos de persoas adultas (Particulares, asociacións ou outros colectivos) | Reservas no 981 185 060 ou no correo-e areaeducativacoruna@afundacion.org | Prezo: 1 € / participante
- Para público xeral | Todos os mércores (non festivos), 19.00 h, e agora tamén todos os venres de febreiro ata rematar a mostra (días 1, 8, 15 e 22), 20.00 h | De balde, sen inscrición previa
ACTIVIDADES PARALELAS
- 21 febreiro, performance «A ombros de xigantes vermellas». Estíbaliz Espinosa (Premio de Poesía Afundación 2017), conxuga poesía, divulgación científica e música en directo da pianista Isabel Gómez. 19.30 h. CAPACIDADE COMPLETA
- 4, 11, 18 e 25 de febreiro, ciclo de cinema «Sonoro empeño». 19.00 h
4 feb. Loving Vincent (Dorota Kobiela e Hugh Welchman)
11 feb. La dama de oro (Simon Curtis)
18 feb. Big Eyes (Tim Burton)
25 feb. El profesor de violín (Sergio Machado)
- 23 febreiro, pasarrúas co Coro da Ra. 19.00 h (saída desde a sede)
- 28 febreiro, paseo musical a «Sonoro empeño». Unha visita guiada especial con música en vivo. 19.30 h
- 1 marzo, concerto de María do Ceo. Presentación do seu novo disco María do Ceo. A fadista. 19.00 h. CAPACIDADE COMPLETA
OBRADOIROS INFANTÍS
«Sábados musicais», 2, 9, 16 e 23 de febreiro. 4 a 9 anos. Aquí máis información
CONCURSO #SonoroEmpeño en Instagram
Xoga co noso «piano máxico» e poderás gañar unha subscrición anual a Spotify Premium.
ACTIVIDADES ESCOLARES
A mostra «Sonoro empeño» é unha viaxe a través da interpretación pictórica da música que poderemos gozar cun programa didáctico adaptado a escolares de todas as idades:
• As catro estacións da arte e a música. Infantil a 3º de primaria
• Das audicións ás sensacións. 4º de primaria a 2º de ESO
• Sonoro empeño. 3º de ESO, bacharelato e C.F.
Prezo: 1 € / participante
Sede Afundación A Coruña | Cantón Grande, 8
areaeducativacoruna@afundacion.org | 981 185 060
Esta mostra conta con servizo de audioguía (gratuíto para clientes ABANCA).
A MOSTRA
A relación entre música e artes plásticas é unha constante que leva suscitado un enorme interese ao longo da historia. A pesar de se trataren de disciplinas distantes que se moven por diferentes canles sensitivas, as conexións e puntos de encontro son evidentes non só en canto a obxectivos expresivos comúns, senón tamén no intercambio de conceptos como ritmo, movemento, cromatismo ou variación. A cuestión sobre as conexións de música e artes plásticas ten sido motivo de reflexión, teorización e ensaio, dando lugar a vínculos de moi diversa natureza e a novas formas creativas.
Sobre esta premisa, establécese unha clasificación en catro seccións que abordan o tema desde diferentes perspectivas para ilustrar estas confluencias:
- Iconografía musical
Unha das relacións máis evidentes entre artes plásticas e sonoras é a que atinxe á representación visual de escenas ou instrumentos musicais. As pezas expostas aquí ilustran tres temas básicos: o músico, o instrumento musical e a súa representación illada como único protagonista da obra.
- Sinestesia
A utopía de formular unha pintura auditiva ou unha música visual, presente en toda a historia da arte, acada un desenvolvemento máis significativo cos movementos de vangarda, que materializan a través da hibridación sensorial a experiencia de ver os sons e escoitar as imaxes.
- Festas e danzas
A representación pictórica da danza presenta un dos terreos máis propicios para a relación entre música e pintura, pois permite introducir nunha arte espacial os conceptos de dinamismo, ritmo e sonoridade, propios dunha arte temporal.
- Música na infancia
A vinculación de imaxes de nenos e nenas a escenas ou instrumentos musicais, que conta cunha longa tradición pictórica, vai moitas veces ligada ás ideas de inocencia, espontaneidade e candidez, e asociada a instrumentos de timbre doce.
VISITA VIRTUAL. Clica na imaxe
