«Entre copas». Ciclo de cine: «Cine para os sentidos»
Entre copas (Sideways) é o título da terceira película do ciclo de cine «Cine para os sentidos» que se proxectará o martes 26 de novembro ás 20.00 h no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de Santiago de Compostela. Con Entre copas o gusto consegue o papel protagonista. Esta longametraxe de Alexander Payne inicia cando dous vellos amigos emprenden unha viaxe por estrada catando viños só para mudaren de rumbo. Acaban por entrar nunha irónica exploración das vicisitudes do amor e a amizade.
2004. USA. 123 min. Director: Alexander Payne
«Cine para os sentidos» trátase do novo ciclo de cine gratuíto deseñado pola Fundación Novacaixagalicia. Nesta ocasión os cinco sentidos serán a temática dos cinco filmes que se presentarán: Esencia de muller, O perfume, Copying Beethoven, Entre copas e O chef, a receita da felicidade.
Os cinco sentidos sempre foron representados de xeito maxistral no cinema. Vista, olfacto, ouvido, gusto e tacto adquiren distintas formas de representación na gran pantalla. Desde as súas orixes mudas e ata os nosos días, en que as propias salas contan con distintos efectos reais para ampliaren a nosa experiencia cinematográfica, o cine tivo sempre a grande capacidade de estimular os nosos sentidos unicamente polo poder evocador das súas historias e o poder das súas imaxes. É a maxia da sétima arte.
As proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, terán lugar no centro santiagués todos os martes desde o 12 de novembro ata o 10 de decembro, a excepción do martes 19 que se pasa ao día seguinte, mércores 20. Todas as películas comezarán ás 20.00 horas.
Programación completa do ciclo en Santiago de Compostela
- Martes 12 de novembro: Esencia de muller
- Mércores 20 de novembro: O perfume
- Martes 26 de novembro: Entre copas
- Martes 3 de decembro: Copying Beethoven
- Martes 10 de decembro: O Chef, a receita da felicidade