«Copying Beethoven». Ciclo de cine: «Cine para os sentidos»
Copying Beethoven proxectarase o martes 3 de decembro ás 20.00 h no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de Santiago de Compostela dentro do ciclo cinematográfico «Cine para os sentidos». A música, e con ela o ouvido, envolve esta longametraxe inspirada na figura do compositor Ludwing van Beethoven. A historia principia cando Beethoven decide aceptar como copista a Anna Holtz, unha aspirante a compositora con poucos recursos. O que nesa altura descoñecían era que a relación que se forma entre ambos cambiaralles a vida.
2006. USA. 104 min. Directora: Agnieszka Holland
«Cine para os sentidos» trátase do novo ciclo de cine gratuíto deseñado pola Fundación Novacaixagalicia. Nesta ocasión os cinco sentidos serán a temática dos cinco filmes que se presentarán: Esencia de muller, O perfume, Copying Beethoven, Entre copas e O chef, a receita da felicidade.
Os cinco sentidos sempre foron representados de xeito maxistral no cinema. Vista, olfacto, ouvido, gusto e tacto adquiren distintas formas de representación na gran pantalla. Desde as súas orixes mudas e ata os nosos días, en que as propias salas contan con distintos efectos reais para ampliaren a nosa experiencia cinematográfica, o cine tivo sempre a grande capacidade de estimular os nosos sentidos unicamente polo poder evocador das súas historias e o poder das súas imaxes. É a maxia da sétima arte.
As proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, terán lugar no centro santiagués todos os martes desde o 12 de novembro ata o 10 de decembro, a excepción do martes 19 que se pasa ao día seguinte, mércores 20. Todas as películas comezarán ás 20.00 horas.
Programación completa do ciclo en Santiago de Compostela
- Martes 12 de novembro: Esencia de muller
- Mércores 20 de novembro: O perfume
- Martes 26 de novembro: Entre copas
- Martes 3 de decembro: Copying Beethoven
- Martes 10 de decembro: O Chef, a receita da felicidade