«O perfume». Ciclo de cine: «Cine para os sentidos»
O perfume será a segunda película coa que poderemos gozar no ciclo de cinema «Cine para os sentidos» e que se proxectará o mércores 20 de novembro ás 20.00 h no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia de Santiago de Compostela. O olfacto tórnase o fío condutor d’ O perfume, o filme que narra a vida de Jean Baptiste Grenouille, un orfo que se criou nun ambiente hostil. Ninguén o quería porque había nel algo excepcional: carecía por completo de olor. Con todo, estaba dotado dun extraordinario sentido do olfacto. Xa na súa adolescencia foi cativado por unha obsesión, atrapar as fragrancias.
2006. Alemaña. 147 min. Director: Tom Tykwer
«Cine para os sentidos» trátase do novo ciclo de cine gratuíto deseñado pola Fundación Novacaixagalicia. Nesta ocasión os cinco sentidos serán a temática dos cinco filmes que se presentarán: Esencia de muller, O perfume, Copying Beethoven, Entre copas e O chef, a receita da felicidade.
Os cinco sentidos sempre foron representados de xeito maxistral no cinema. Vista, olfacto, ouvido, gusto e tacto adquiren distintas formas de representación na gran pantalla. Desde as súas orixes mudas e ata os nosos días, en que as propias salas contan con distintos efectos reais para ampliaren a nosa experiencia cinematográfica, o cine tivo sempre a grande capacidade de estimular os nosos sentidos unicamente polo poder evocador das súas historias e o poder das súas imaxes. É a maxia da sétima arte.
As proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, terán lugar no centro santiagués todos os martes desde o 12 de novembro ata o 10 de decembro, a excepción desta longametraxe, O perfume, que pasa ao mércores 20 de novembro. Todas as películas comezarán ás 20.00 horas.
Programación completa do ciclo en Santiago de Compostela
- Martes 12 de novembro: Esencia de muller
- Mércores 20 de novembro: O perfume
- Martes 26 de novembro: Entre copas
- Martes 3 de decembro: Copying Beethoven
- Martes 10 de decembro: O Chef, a receita da felicidade