XIV Edición Ima+xina. Vigo e A Coruña
Do 15 ao 22 de marzo na Coruña e do 5 ao 20 de abril en Vigo, chega a XIV edición de Ima+xina, unha fórmula para sacar as matemáticas á rúa e entendelas dun xeito distinto, xogando. A Fundación Escola Rosalía e Afundación Obra Social ABANCA, man a man, e contando co asesoramento pedagóxico de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática), traen un ano máis a festa dos números!
A través de obradoiros en distintos centros escolares, concursos na LIGAMATS e as Xornadas OAOA imos facer que as matemáticas sexan máis manipulativas e participativas.
Que é a metodoloxía OAOA?
OAOA: Outros Algoritmos para as Operacións Aritméticas
Aínda que o termo OAOA fai referencia aos algoritmos, as siglas supoñen un movemento radical sobre o ensino e a aprendizaxe das matemáticas que pretende facer desta materia unha ferramenta para a igualdade social e non un instrumento de selección intelectual. Este movemento mundial pretende acabar coa idea de que «as matemáticas non se me dan». Todo o mundo está capacitado e é apto para elas, só debe cambiar a maneira de abordalas.
O movemento OAOA non só pretende renovar os algoritmos tradicionais das operacións aritméticas, engloba todos os aspectos que teñen que ver con esta disciplina: numeración, cálculo, medida, xeometría, estatística, azar e probabilidade, resolución de problemas,…
Esta corrente de renovación non é nova, sempre existiu, temos datos claros dende os anos 1940, mais agora é que a onda pula con máis forza ao se uniren milleiros de docentes en España e América Latina para, por fin, mudar a visión da educación matemática.
A principal ferramenta que se utiliza é o VÍDEO-ARTIGO para transmitir as ideas visualmente, onde podemos descubrir situacións reais de ensino e aprendizaxe.
II Xornadas OAOA de Galicia:
- Sábado 14 de abril de 2018. 9.30 a 19.30 h no Pazo de San Roque. Vigo
- Conferencia Inaugural a cargo de Ángel Antonio García Marrero, mestre de Escuelas Pías de Tenerife.
Inscrición ás xornadas
- Data límite: 10 de abril 2018
- Formulario de inscrición
O Acto de Clausura e entrega de premios aos gañadores do Concurso Inter-Centros: Ligamats celebrarase o venres 20 de abril a partir das 19.30 h, no Centro de Educación Ambiental Naturnova.
A continuación terá lugar a conferencia: «Maxia Matemática» a cargo do Mago Keko e, ao finalizar, farase a entrega dos premios da XIV edición da LigaMats.
Podes consultar aquí toda a información da XIV Edición Ima+xina e embaixo, descargares en PDF o programa completo das II Xornadas OAOA.