FëLiiC (Feira de Edición e Libro Ilustrado) e Open MiiC. Santiago de Compostela
Na fin de semana do 25 ao 27 de xaneiro tes na Sede Afundación de Santiago de Compostela unhas interesantes actividades en torno á MiiC 2, a Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que podes ver no noso mesmo edificio da Rúa do Vilar ata o mes de marzo. Trátase da FëLiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado, que estará aberta durante a xornada do sábado 26 de xaneiro; e o Open MiiC, encontros coas ilustradoras e ilustradores que participan na mostra, que terá lugar ao longo da fin de semana na propia Sala de Exposicións, os días 25, 26 e 27 de xaneiro.
FëLiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado
Sábado 26 de xaneiro. 11.00 a 14.00 e 16.00 a 21.00 h
Iniciativa que xorde como complemento á MiiC. Alí poderás descubrir a edición e autoedición de libros ilustrados, dirixidos sobre todo a un público non infantil, e relacionados directamente cos traballos da exposición. Durante o transcurso da xornada haberá charlas e mesas de debate para achegarnos ao traballo de artistas e editoriais, facer unha radiografía da situación actual do sector e indagar nas novas tendencias en canto a contidos. Ademais, poderás mercar as publicacións das autoras e editoriais convidadas.
Esta feira afonda na importancia da ilustración como complemento ás narrativas, levándonos a ese universo complexo onde a e o artista se enlea na delicada e dura tarefa de crear as súas interpretacións ilustradas e enriquecer o traballo final. Tamén fai visible a edición e autoedición dos propios proxectos de ilustración e resalta o traballo das editoriais que apostan por edicións moi coidadas, onde a imaxe é protagonista canda o texto, un valor engadido no formato do libro ilustrado que funciona coma un todo artístico.
- PROGRAMA
Charlas e mesas de debate
11.00 h | «Premios Castelao de Banda Deseñada. A importancia do apoio institucional á edición de proxectos ilustrados». Interveñen: Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Bea Lema, autora de O Corpo de Cristo; Oliver Añón Lema, autor de Cancións para afundir flores no mar.
12.00 h | Firma de libros: Oliver Añón Lema
16.00 h | «Literatura ilustrada. O auxe das reedicións de clásicos universais da literatura en formato ilustrado». Interveñen: Luisa Rivera, ilustradora de Cien Años de Soledad; Helena Pérez García, ilustradora de Orlando; Gemma Sesar, editora de El Patito Editorial. Modera: Chus Costoia Garea de Libraría Pedreira.
18.00 h | «Novas temáticas: Feminismo ilustrado. Editoriais e artistas que apostan pola ilustración como medio de concienciación da igualdade de xénero». Interveñen: Malota, ilustradora do libro Un paseo por la vida de Simon de Beauvoir; María Hesse, autora de Frida Kahlo. Una biografía; Anaír Rodríguez, editora en Edicións Xerais e autora de «Pioneiras». Modera: Monse Vilar Figueirido de Libraría Lila de Lilith.
20.00 h | «A edición como ferramenta de creación. Formatos alternativos: autoedición, series limitadas, libro-obxecto, etc». Interveñen: Manuel Barreiro, director do Fun Fun Fun; María Álvarez, membra de Colectivo Miñoco e Autobán.
Postos presentes na feira
Libraría Numax
Libraría Pedreira
Libraría Lila de Lilith
Editorial Nobrow
Colectivo Miñoco
Open MiiC
Venres 25 de xaneiro. 19.00 h | Encontro 1 con Héctor Francesch, Luisa Rivera, Malota e Bestiola.
Sábado 26 de xaneiro. 12.30 h | Encontro 2 con María Hesse e Bea Lema.
Domingo 27 de xaneiro. 17.00 h | Encontro 3 con Helena Pérez García, LaraLars e Iria Fafián.
Encontros informais de público e artistas, onde as e os autores explicarán as pezas que expoñen na MiiC. Gravaranse en vídeo para a elaboración dunha serie de pequenas pezas audiovisuais que despois serán compartidas publicamente a través das diferentes redes socias, catálogo en liña e app da mostra.
A iniciativa favorece o diálogo entre obra, artista e público, desentrañando o proceso creativo, a técnica utilizada, a temática que agocha cada peza e o entendemento subxectivo da obra por parte de quen a observa. Unha oportunidade para achegarse ao traballo e proceso creativo de ilustradores e ilustradoras.