DIVERSA. V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación #MiiC5, en Santiago de Compostela
A pluralidade como concepto central que nutre estilos, técnicas e perspectivas é a idea da que emerxe DIVERSA, V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación #MiiC5, que achega a Santiago de Compostela unha selección das propostas máis representativas da ilustración actual. Nesta V edición, a exposición explora como a variedade cultural, a conexión coa nosa contorna e as experiencias persoais das e dos artistas converxen para dar forma a un discurso visual que dialoga cos grandes retos e temas do noso tempo. Outra volta, convidámoste á Sede Afundación na Rúa do Vilar para descubrir unha creatividade fascinante. Agardámoste ata o 30 de agosto de 2025.
comisaria | Matilde Rodríguez
Colabora co noso proxecto solidario CULTURA POR ALIMENTOS, traendo unha doazón de produtos non perecedoiros para axudar os bancos de alimentos locais. Infórmate!
OPEN MiiC E FELiiC
O 10 de maio, na mesma sede Afundación de Compostela, podes asistir a unha xornada con actividades sobre edición no eido da ilustración e encontros con artistas vinculados/as a esta quinta edición da mostra. Non podes faltar a entrar de cheo en DIVERSA da man das súas creadoras.
Artistas | ADOLFO SERRA (Teruel), ANA JARÉN (Sevilla), ANDREW RAE (Londres), BODIL JANE (Ámsterdam), CATALINA RODRÍGUEZ VILLAZÓN (Asturias), EMILY ELDRIDGE (EE.UU.), HARSA (Zaragoza), INÉS IGLESIAS (Salamanca), INMA HORTAS (Lugo), MARCOS COVELO (Vigo), MARÍA GRANDE (Ourense), MARÍA MEDEM (Sevilla), MARIONA CABASSA (Barcelona), MARITZA BERTOLLINI (México), REBECA LOSADA (Lugo), RICARDO CAVOLO (Salamanca), RUNE FISKER (Dinamarca), SIMON BAILLY (Francia)
Esta exposición recolle unha selección de obras contemporáneas coa ilustración como base creativa, elaboradas con técnicas diversas que abranguen dende o gouache, a colaxe e a cerámica ata a animación dixital. O fío condutor de todas elas é unha creatividade e unha imaxinación excepcionais, que impulsan a innovación nas linguaxes visuais.
Baixo o concepto central da pluralidade cultural e identitaria, «Diversa» presenta en Santiago de Compostela unha mostra representativa da ilustración actual. Na súa quinta edición, a exposición explora como a diversidade cultural, a conexión coa contorna e as experiencias persoais das e dos artistas converxen para construír un discurso visual que dialoga cos grandes desafíos do noso tempo.
A mostra destaca a convivencia de múltiples linguaxes dentro da ilustración, integrando tanto técnicas tradicionais como métodos contemporáneos —dende a ilustración dixital ata composicións híbridas—, o que evidencia a capacidade desta arte para reinventarse constantemente a través de novos formatos, materiais e tecnoloxías.
O título «Diversa» reflicte a riqueza temática das obras, que abordan dende cuestións íntimas —como a identidade e os procesos emocionais— ata temas sociais, como a igualdade e a sustentabilidade. A exposición eríxese así como un reflexo da complexidade dos nosos días, promovendo a inclusión e a representatividade a través dun mosaico de personaxes, culturas e contextos vitais.
Ademais, a mostra establece un diálogo coa biodiversidade e a natureza, explorando paralelismos entre a contorna natural e a creatividade humana. As obras reinterpretan a variedade dos ecosistemas, transformando o mundo vexetal, animal e floral en fonte de inspiración e protagonista das creacións.
«Diversa. V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación» consolídase como un espazo onde conviven tradición e vangarda, ofrecendo unha visión poliédrica da ilustración como ferramenta de expresión e reflexión na arte actual.
DIDÁCTICA
- INFANTIL a 4º PRIMARIA | Visita-conto con obradoiro: “Universo Diverso”.
- 5º PRIMARIA a 2º ESO | Visita-investigación con obradoiro: “Ilustrando un mundo diverso”.
- 3º ESO, BACHARELATO e C.F. | Visita guiada con obradoiro opcional: “DIVERSA. V Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación”.
Prezo | 2 €/participante
Máis información e reservas a través de areaeducativacompostela@afundacion.org ou no 981 552 577
Aproveita para visitar a axenda web e decátate de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte sobre outras actividades escénicas.