«Annie Hall». Ciclo de cine Ron Galella, na Coruña
Nos últimos días da mostra «Ron Galella. Paparazzo extraordinaire!» acolleremos un ciclo de cine con tres clásicos da sétima arte para despedirmos a exposición. Nestas películas atoparemos estrelas retratadas por Galella como Alfred Hitchcock e Woody Allen e poderemos recrear o ambiente no que se movían o paparazzo e as celebridades das súas instantáneas.
Os días 8, 9 e 10 de xaneiro proxectaremos Annie Hall, Beakfast at Tiffany’s (Almorzo con diamantes) e Rear Window (A xanela indiscreta), respectivamente. Reproduciremos os tres filmes en versión orixinal con subtítulos en español. Se non queres perder esta cita, na recepción do Centro Sociocultural poderás retirar as entradas gratuítas o mesmo día da proxección.
Annie Hall será a película con que comece o ciclo o mércores 8 de xaneiro ás 19.30 h. O director e actor, Woody Allen, conta a historia dun home de corenta anos algo neurótico que traballa como humorista en clubs nocturnos. Despois de romper coa súa última moza, reflexiona sobre a súa vida, lembra os seus amores e, en especial, a súa relación con Annie. Chega á conclusión de que os seus fracasos son por mor das súas manías e obsesións.
Woody Allen, USA, 1977, 94 min. NRM 13