«A xanela indiscreta». Ciclo de cine Ron Galella, na Coruña
Nos últimos días da mostra «Ron Galella. Paparazzo extraordinaire!» acolleremos un ciclo de cine con tres clásicos da sétima arte para despedirmos a exposición. Nestas películas atoparemos estrelas retratadas por Galella como Alfred Hitchcock e Woody Allen e poderemos recrear o ambiente no que se movían o paparazzo e as celebridades das súas instantáneas.
Os días 8, 9 e 10 de xaneiro proxectaremos Annie Hall, Beakfast at Tiffany’s (Almorzo con diamantes) e Rear Window (A xanela indiscreta), respectivamente. Reproduciremos os tres filmes en versión orixinal con subtítulos en español. Se non queres perder esta cita, na recepción do Centro Sociocultural poderás retirar as entradas gratuítas a partir do mesmo día da proxección.
Rear Window (A xanela indiscreta) é a encargada de concluír o ciclo. Alfred Hitchcock dirixe esta película onde narra a historia dun reporteiro fotográfico que se ve na obriga de permanecer en repouso cunha perna escaiolada. Pasa o tempo observando desde a xanela do seu apartamento cuns prismáticos o que ocorre nas vivendas de enfronte. Despois de contemplar unha serie de estrañas circunstancias comeza a sospeitar dun veciño cuxa muller desaparecera.
Alfred Hitchcock, USA, 1954, 112 min, TP