«Almorzo con diamantes». Ciclo de cine Ron Galella, na Coruña
Nos últimos días da mostra «Ron Galella. Paparazzo extraordinaire!» acolleremos un ciclo de cine con tres clásicos da sétima arte para despedirmos a exposición. Nestas películas atoparemos estrelas retratadas por Galella como Alfred Hitchcock e Woody Allen e poderemos recrear o ambiente no que se movían o paparazzo e as celebridades das súas instantáneas.
Os días 8, 9 e 10 de xaneiro proxectaremos Annie Hall, Beakfast at Tiffany’s (Almorzo con diamantes) e Rear Window (A xanela indiscreta), respectivamente. Reproduciremos os tres filmes en versión orixinal con subtítulos en español. Se non queres perder esta cita, na recepción do Centro Sociocultural poderás retirar as entradas gratuítas o mesmo día da proxección..
Breakfast at Tiffany’s (Almorzo con diamantes) será o segundo filme do ciclo que poderás ver o xoves 9 de xaneiro ás 19.30 h. Audrey Hepburn dá vida a Holly Golightly, unha fermosa rapaza neoiorquina que, aparentemente, leva unha vida fácil. O seu comportamento resulta bastante extravagante, de feito, almorza contemplando o escaparate de Tiffany's, unha luxosa xoiaría. Un día, múdase ao seu edificio Paul Varjak, un escritor que vive á conta dunha muller madura mentres espera por un éxito que nunca chega.
Blake Edwards, USA, 1961, 115 min