Nos nosos Espazos +60 desenvolvemos unha ampla e innovadora oferta de actuacións que contemplan diferentes dimensións do envellecemento activo: o benestar psicolóxico, físico e social, a aprendizaxe ao longo de toda a vida e a participación e a inclusión social das persoas maiores.

Afundación e a Universidade de Santiago realizaron unha investigación para medir a eficacia dos programas de envellecemento activo. O informe conclúe que as persoas que participan nos programa de Afundación mostran niveis significativamente mellores, tanto na saúde global como na participación e a contribución social, en relación a outras persoas da mesma idade igualmente autónomas e independentes, mais que non participan en actividades.

Consulta e descarga o informe.

Ademais dos programas que poñen en valor a experiencia, as actividades para maiores acollen outras temáticas relacionadas con hábitos saudables, TIC, Saber +, expresión artística e lecer activo. Continúa lendo para saber máis sobre elas.

Hábitos saudables

Proporcionamos oportunidades de actividade física e mental adaptada ás capacidades dos maiores: ximnasia, actividades aeróbicas, técnicas orientais, danza, expresión corporal, baile, exercitación da memoria e relaxación, entre outras. Ademais promovemos accións formativas para desenvolver hábitos saudables a través de conferencias, cursos de nutrición e cociña.

TIC

Proporcionamos formación en cultura dixital centrada no uso práctico das tecnoloxías da información e a comunicación na vida diaria á vez que facilitamos a comprensión da revolución tecnolóxica e da forma en que Internet está cambiando as nosas vidas.

Saber +

Xeramos oportunidades de aprendizaxe en idiomas, educación financeira, coñecemento do patrimonio e humanidades, e buscamos a conexión das persoas maiores con novos temas e fenómenos sociais emerxentes.

Expresión artística

Ofertamos actividades para o desenvolvemento das inquietudes musicais ou doutras formas de expresión artística das persoas maiores: música coral e instrumental, música tradicional galega, debuxo e pintura ou artesanía e teatro, entre outras. Apoiamos a difusión do traballo de grupos musicais ou teatrais compostos por persoas socias dos nosos Espazos +60 e o goce da oferta cultural local, tanto de Afundación como doutras entidades.

Lecer activo

Anualmente poñemos en marcha un variado programa de viaxes nacionais e internacionais que ten como finalidade favorecer as relacións sociais dos maiores. No 2018 programamos viaxes a Nápoles e Costa Amalfitana, Cruceiro polo Rhin, Fiordes noruegueses, País Vasco, Cataluña e una estancia no balneario de Ferreira de Pantón.

Ademais, segundo a época do ano, cada Espazo +60 de Afundación presenta plans de lecer en grupo para coñecer o patrimonio histórico e natural da nosa terra, visitar museos e acudir a celebracións tradicionais, en ocasións con clases teóricas previas. Esta oferta constitúe un excelente vehículo para favorecer o encontro e as relacións sociais entre persoas de diferentes localidades.