Esta biblioteca, situada na última planta do Teatro Afundación de Vigo, posúe unha sala de lectura con capacidade para 300 persoas e conta con máis de 31.000 monografías impresas para a súa consulta e préstamo. A biblioteca é de acceso libre, pódense consultar libros, revistas, prensa e acceder a internet a través da rede wifi ou mediante o equipo destinado a consultas rápidas sen necesidade de se facer socio. Para acceder ao servizo de préstamo a domicilio e internet co equipo de consulta prolongada é preciso posuír a tarxeta de lector.
Consulta a Carta de servizos da Biblioteca Teatro Afundación PDF-1.61 Mb
Servizos
- Sala de lectura con capacidade para 300 persoas
- Sala de traballo en grupo
- Equipos informáticos de consulta do catálogo da biblioteca
- Libre acceso ao fondo bibliográfico ordenado por materias
- Información bibliográfica
- Préstamo a domicilio para persoas socias
- Reserva de publicacións
- Tres equipos informáticos de uso público
- Atrís para uso público (10 unidades)
- Recuncho de intercambio de libros
- Recuncho outlet
- Equipo de reprografía coa Licencia Cedro
- Conexión a rede wifi
- Máquinas expendedoras
Préstamo a domicilio
Para acceder ao servizo de préstamo a domicilio é necesario posuír o cartón de lector.
Pódese ter en préstamo a domicilio ata 5 publicacións durante 15 días. Así mesmo, cando o considere xustificado, a biblioteca poderá autorizar a retirar un maior número de volumes e un prazo de tempo maior a determinados lectores e en circunstancias concretas.
O préstamo a domicilio dos libros e revistas pódese renovar ata dúas veces, sempre e cando os materiais non estean reservados por outro lector e a prórroga se solicite antes de que finalice o prazo de entrega. En ningún caso a prórroga do préstamo a domicilio será automática, senón que se deberá solicitar persoalmente ou por teléfono. O préstamo e a devolución dos documentos teñen carácter persoal e individual.
O servizo de préstamo a domicilio finaliza 15 minutos antes da hora de peche.
Préstamo colectivo a entidades
É un servizo que se ofrece a asociacións, institucións, grupos culturais e outros colectivos. O director solicitará o cartón de entidade e autorizará a unha ou dúas persoas responsables. A biblioteca determinará, en cada caso, as condicións deste préstamo.
Rreserva de publicacións
Cando un documento estea prestado pode ser reservado por outra persoa usuaria. Unha vez que se produza a devolución, activarase a reserva e comunicarase por teléfono á persoa interesada, que a deberá recoller na biblioteca nun prazo de 3 días.
Cando unha persoa deixe de estar interesada nun documento previamente reservado, deberallo comunicar á biblioteca.
As persoas usuarias con libros pendentes de devolución ou suspendidos temporalmente do servizo de préstamo non poderán realizar reservas.
Recuncho de intercambio de libros
O obxectivo deste servizo é a dinamización da lectura a través do intercambio de libros. Todas aquelas persoas que desexen cambiar un libro da súa propiedade por outro, terán a posibilidade de elixir entre aqueles que estean dispoñibles e que deixasen outros lectores. Se no momento do cambio non houbese ningún do seu gusto, entrégase un vale de troco que poderá ser utilizado sen data límite.
As condicións para aceptar os libros desta sección son dous fundamentais: que sexan de literatura actual (a partir do ano 2000) e que se atopen en perfecto estado.
Recuncho outlet do libro
Os exemplares deste mercado proceden, na súa maior parte, de exemplares repetidos dos fondos bibliográficos da Biblioteca Teatro Afundación. O obxectivo é liberar o espazo que ocupa ese material. Unha vez realizado o expurgo, os exemplares poñeranse á venda por un prezo simbólico, e a recadación investirase integramente na adquisición de novos libros para a biblioteca.
Equipo de reprografía coa Licencia Cedro
Todo usuario está suxeito ao estricto cumprimiento da lexislación vixente no Estado español en materia de propiedade intelectual e dereitos de autor.
A máquina fotocopiadora funciona en réxime de autoservizo.
Horarios
Máis información en bibliotecateatro@afundacion.org
LUNS a VENRES | 9.00 a 14.00 e 15.00 a 19.00 h
SÁBADOS | 9.00 a 14.00 h
DOMINGOS e FESTIVOS, pechado
Asóciate
O cartón de lector ou carné de socio é de balde, formalízase no mostrador de información e é válido para as tres bibliotecas Afundación de Vigo. É imprescindible para acceder ao servizo de préstamo a domicilio e ao servizo de internet co equipo informático público de consulta prolongada.
Requisitos:
- Cumprimentar a solicitude do cartón de lector onde se recolle: os datos persoais, a aceptación das normas de funcionamento da biblioteca e a LOPD
- Entregar unha fotografía tamaño carnet para o cartón de lector.
- No caso de menores de idade débese entregar unha autorización asinada polos pais ou titor legal.
No formulario para dispoñer do cartón de lector, a persoa asinante responsabilízase da veracidade dos datos achegados, declara ter lido as condicións relativas á LOPD que figuran no anverso, e obrígase, como socio desta biblioteca ou en nome deste, ao cumprimento do réxime de utilización dos servizos e instalacións da mesma, así como das normas e pautas de comportamento establecidos por Afundación na devandita biblioteca, asumindo as responsabilidades que no seu caso se poidan derivar do seu incumprimento.
Se no momento de solicitar o préstamo a domicilio o usuario non levase consigo o cartón de lector, excepcionalmente e a criterio da persoa encargada do servizo de préstamo, poderá acreditar a súa identidade con outro documento que o identifique.
Cando os datos do lector sufran algunha alteración (cambio de domicilio, teléfono...) deberase informar a biblioteca.
É responsabilidade da persoa usuaria comunicar á biblioteca o extravío do seu cartón.
Os usuarios menores de idade renovarán o cartón ao cumprir 18 anos.
A xestión das persoas socias (datos, préstamos...) realízase co Programa Biblio3000.
Descarga a ficha de socio maior de idade PDF - 95 kB
Descarga a ficha de socio menor de idade PDF - 95 kB
Contacto