Exposición UN MUNDO DE ÁRBORES, en Vigo
Os montes son ecosistemas esenciais que regulan o clima, conservan a biodiversidade e proporcionan recursos vitais. Son cruciais para a vida na Terra. O 21 de marzo, co gallo do Día Internacional dos Bosques, a ONU lembra a súa importancia e os desafíos que afrontar, como a deforestación e o cambio climático. E desde Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental Afundación, apoiamos a mensaxe abrindo a exposición UN MUNDO DE ÁRBORES desde o 21 de marzo e ata o 7 de xuño, na Sede Afundación de Vigo.
Entre diferentes árbores autóctonas de Galicia, iremos coñecendo moitos detalles que encerra o monte, un espazo cunha inmensa capacidade de xerar vida e protexernos. Sabendo máis del e das súas especies, aprenderemos a respectar e valorar o seu significado no planeta e a importancia para os seres vivos, incluídas as persoas. Vente canda nós falar de cerdeiras, piñeiros mansos, pradairos, sobreiras, sobre as árbores en si mesmas, como saber que idade teñen, o valor e usos da súa madeira, etc. nunha interesante mostra para aprender de maneira visual e lúdica e con divertidas actividades para realizar mentres a visitamos.
Esta mostra convídate a valorar e coidar estes espazos que son fábrica de vida, onde a luz se transforma en osíxeno e a terra en fertilidade, creando climas e freando o avance da desertización. O monte é un legado vivo que nos conecta co pasado e nos sinala o camiño cara a un futuro sostible. Agardámoste en Vigo.
Tamén contaremos cun caderno didáctico co que afondares no tema dun xeito educativo e ameno.
Ademais, celebramos o Día Mundial dos Bosques con actividades especiais para toda a familia! Achégate a Naturnova:
Obradoiro de insectos
21 MAR | 17.00 a 18.30 h (Apertura de portas 16.30 h)
Todas as idades
Descubre o fascinante mundo dos insectos e o seu papel crucial nos ecosistemas forestais. Un obradoiro interactivo para aprender como estes pequenos seres contribúen ao equilibrio natural.
Reserva praza aquí
Esta actividade forma parte do programa solidario Cultura por Alimentos, polo que para acceder debes achegar unha doazón de produtos non perecedoiros, destinados ao Banco de Alimentos de Vigo. No seu defecto, cobrarase unha entrada de 5 €/neno/a
Sorpresa ecolóxica!
Como parte da nosa celebración, agasallaremos árbores ata esgotar existencias, animándote cun xesto á reforestación.
Non perdas esta oportunidade de conectar coa natureza e aprender como ser parte activa na protección dos montes.