Pasacalle O Coro da Ra. Santiago de Compostela

O proxecto cultural Sonoro empeño trae á contorna do Centro Obra Social ABANCA de Santiago e á propia sala a actuación da formación O Coro da Ra. O coro residente de Estudio da Escola de Música de Santiago de Compostela levará o seu repertorio polas emblemáticas rúas da contorna histórica o 6 de maio. Ata o 13 de xuño, a agrupación dará máis concertos no marco da nosa celebración cultural Sonoro empeño en Compostela.
Esta actividade forma parte do proxecto cultural Sonoro empeño, unha proposta que ofrece distintas alternativas de lecer, combinando música e pintura. Concertos, obradoiros infantís, performance, encontros, degustacións culinarias e, presidindo a oferta, a imperdible mostra «Sonoro Empeño. A música nas Coleccións ABANCA e Afundación».
Infórmate aquí polo miúdo de toda a programación.
CORO DA RA
É o coro residente de Estudo da Escola de Música de Santiago de Compostela. Foi fundado no ano 1993 polo que a día de hoxe segue a ser o seu director, Ramón Bermejo. Fórmano 35 voces mixtas, a maior parte delas cantantes amateurs, mais tamén conta nas súas filas con grandes profesionais da escena musical galega.
O seu repertorio céntrase na música popular moderna, sobre todo en estilos coma o soul, o góspel, jazz, rock, pop, ou a música étnica. Un dos seus sinais característicos son os Concertos comando, que veñen a ser intervencións de rúa onde intentan sorprender a xente coa súa música a capela.
O Coro da Ra ten levado os seus espectáculos aos máis grandes teatros de Galicia: Teatro Afundación de Vigo, Teatro Colón da Coruña, Salón Teatro e Teatro Principal de Santiago de Compostela, Pazo da Cultura e Teatro Principal de Pontevedra, etc. Participou en multitude de programas da TVG e puxo música a galas coma as dos Premios da Cultura de Galicia, Mestre Mateo e María Casares.
SONORO EMPEÑO
Arte e música danse a man na capital galega, e transforman o Centro Obra Social ABANCA de Santiago de Compostela nun potente, dinámico e sonoro altofalante.
O proxecto cultural SONORO EMPEÑO ofrece un compendio de actividades anovadoras e orixinais, con eixe na mostra homónima que conta con algunhas das obras máis destacadas da Colección de Arte Afundación e ABANCA. Un universo de experiencias orientado a diferentes públicos e deseñado para gozar coa música en moitas das súas variantes, e do diálogo desta con outros conceptos coma a pintura, poesía, escultura, cinema, tecnoloxía, cociña ou ciencia. En conxunto, unha oferta encamiñada a xerar unha experiencia musical, sinestésica e inesquecible. A partir do 25 de marzo.
Coñece aquí toda a programación!