«Memoria gráfica da emigración española» en Ferrol
Estreamos exposición fotográfica na Sede Afundación de Ferrol: «Memoria gráfica da emigración española», un destacado proxecto organizado pola Dirección Xeral de Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España, no que se recolle unha importante escolma de imaxes, algunhas delas históricas, subtraídas de grandes arquivos e coleccións privadas. Fotógrafos coma Pérez de Rozas, Le Querrec, Estudio Daguerre ou Collados locen as súas obras nesta exposición que nos leva nunha viaxe intensa ao pasado. Unha viaxe emotiva e fascinante que nos irá conducindo pola historia das migracións en España até a actualidade. Prepárate a revivir historias que marcaron familias enteiras. Se cadra, a túa foi unha delas…
Podes visitar a mostra até o 9 de abril de 2016.
Exposición gratuíta
Horario: Luns a sábados de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 h
Infórmate das visitas guiadas e dos obradoiros infantís no 981 330 280
E ademais, estamos en Spotify! Configuramos unha playlist da mostra para que escoites, compartas e, se queres, achegues aquelas cancións que forman parte da túa historia familiar da emigración! Tamén podes animarte e contarnos no Facebook o motivo polo que escolliches a canción ou que significa para ti...
A través das fotografías emblemáticas e de enorme valor histórico recollidas nesta «Memoria gráfica da emigración española», analízase o avance da emigración tradicional á máis recente por medio de tres eixes: a viaxe, o traballo e o tecido social. Consonte estes temas, a exposición vai debullando unha interesante análise sobre os cambios que se deron na historia das migracións e, ao mesmo tempo, aqueles puntos de conexión entre antano e hoxe, vendo como a emigración segue a ser unha realidade no país.
O nacemento do estado español coincide no tempo (1492) coa chegada de Colón e as súas naves a América e co inicio de tres séculos de emigración de españois ás colonias do centro e sur do continente. Os traballos de investigación cifran en varios millóns o número de españois que ao longo dos séculos se viron na obriga de seguiren os camiños do mar.
Durante a segunda metade do XIX a emigración transoceánica española incrementouse de maneira notable. Países con capacidade exportadora e escasa man de obra (O Brasil, O Uruguai e A Arxentina) atraeron a vaga de emigrantes.
A Arxentina foi o que mellor soubo utilizar a propaganda e o que recibiu o maior número de persoas, mais o proceso de crecemento económico e diversas convulsións de orde política levounas tamén a Cuba, Venezuela e México, entre outros, como mostran as cifras de embarque da época nos portos galegos ou canarios.
Máis tarde desenvolveuse unha nova vaga migratoria, esta vez dirixida sobre todo a Europa: Suíza, Francia, Bélxica ou Alemaña. Homes e mulleres, mozas e mozos, maiores e rapaces, establecéronse en países cunha cultura e uns costumes descoñecidos e, en ocasións, hostís.
Hoxe, factores coma a celeridade das comunicacións, a facilidade para viaxar, o intercambio educativo, a conciencia cooperante, a globalización da economía ou os efectos do cambio climático multiplicaron os desprazamentos dos seres humanos por todos os recantos do planeta. Así, agora conviven no exterior as novas persoas desprazadas coas descendentes daquelas que saíron de España no pasado.
Esta exposición naceu en 2000, creada pola entón Dirección Xeral de Emigración, para exhibila por diversas cidades españolas, mais debido ao enorme interese que suscitou entre as comunidades españolas no estranxeiro, decidiuse en 2006 trasladar as imaxes a distintas cidades europeas, especialmente a aquelas con maior presenza da emigración.
Deste xeito, tras o seu paso inicial pola cidade de Zúric, logo foi por Dusseldorf, París, Múnic, Bruxelas, Frankfurt... até rematar novamente en Bruxelas, na sede belga do Parlamento Europeo no ano 2008. A partir de 2009, tras unha revisión de contido, engadindo novas fotografías, comezou a andaina americana: O Brasil, Perú, México, Cuba, Os Estados Unidos (mostra paralela que aproveita fondos desta Memoria gráfica, baixo o título de «Spaniards») e A Arxentina.
A exposición «Memoria gráfica da emigración española» contribúe a dar a coñecer en forma de imaxes a realidade da emigración que tan descarnadamente recolleron as cámaras de distintas épocas.
Fontes fotográficas. Arquivos
Fundación Archivo de Indianos (Colombres)
Museo del Pueblo de Asturias (Gijón)
El Oriente de Asturias (Llanes)
Fundación Universitaria Española
CEGES-SOMA, Bruselas
Memorial do Imigrante (Sao Paulo)
Ateneo Español de México
Agencia EFE
Archivo gráfico de Carta de España
Biblioteca del MEYSS
Fontes fotográficas. Coleccións particulares
Herederos de Manuel Ferrol
Publio López Mondéjar
Máximo Adrián
Familia Villaranda
Familia HerVal
Todos os fotógrafos
Blanco, Ballel, Estudio Daguerre, Pato, Pérez de Rozas, VillardeFrancos, Ferrol, Iglesias, Mohr, L. Monasor, Gallego, Pacios, Díaz y Gallo, Maga, Benincaya, Douglas, Edant, Le Querrec, Kent, Lobato, Sainz de Sanpedro, Pla, Sanromán, Senarega, Koudelka, Brandt, Gómez, Collados, Foley, Torres, Muñoz, Rodher, Giménez, Navia, Díaz Burgos, Arrillaga, García Rodero.