Mostra: De tendas. O comercio emblema dunha cidade. Santiago
- Ferretería Casas Chico
- Mercería La Novedad
- Librería Cruceiro
- Confecciones Riande
- Ultramarinos Carro
- Asthor Decoración
- Gerardo Mayer
- Joyería Mayer
- Rod Mayer
- Papelería Compostela
Santiago de Compostela é un lugar singular que, máis alá de pedras monumentais, está cheo de vida e de homes e mulleres que cada día o constrúen. Son as súas experiencias e decisións as que, acumuladas ao longo de xeracións, dan á nosa cidade a súa excepcional personalidade. O comercio é unha parte fundacional desa Compostela que vemos e sentimos. As súas xentes e os seus establecementos acaríñannos e ofrécennos aquilo que precisamos e aquilo polo que devecemos. Nós compramos, ás veces sen nos decatar do risco que é cada aventura comercial, do saber que agocha un produto, da ilusión e coidado que merece. Día a día tendas e obradoiros participan das nosas emocións e experiencias e moldean esas rúas que amamos e habitamos. Algúns mesmo se converten nun símbolo da nosa cidade, e dos tempos e das persoas que vivimos nela, do pasado e do presente, e tamén do futuro que albiscamos. Sen establecementos especiais, esta cidade non sería tal, porque neles nos recoñecemos e en certo modo nos reflicten e falan de nós. Son de aquí de sempre, emblema e representación da nosa memoria, cidade e comunidade.