Mostra «Son de Galicia». Ferrol
A Sede Afundación de Ferrol acolle do 9 ao 30 de maio a mostra «Son de Galicia», unha proposta do Consello da Cultura Galega que conta coa nosa colaboración, co fin de divulgar o importante papel que tiveron os coros galegos no desenvolvemento da cultura galega do século XX. Toxos e Froles, Cántigas da Terra, Coral De Ruada e Cantigas e Agarimos son os coros tradicionais de Galicia que amosan a súa historia neste proxecto.
A MOSTRA
Coñecemos os diferentes aspectos que conforman o riquísimo mundo do folclore tradicional galego a través de distintos paneis de fotografía, acompañados de vitrinas en que se amosan diversos documentos e obxectos: publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, vestimenta, bosquexos de decorados, retallos de prensa, etc., e diversos vídeos de apoio con imaxes e audios, e un catálogo que reproduce a totalidade dos paneis.
Os contidos da exposición xiran arredor de diferentes temáticas: os precedentes (Aires da Terra de Pontevedra); as actividades musicais e a recuperación da música tradicional, o teatro, as artes escénicas, o baile e a coreografía; a vestimenta, a escenografía e o deseño; o labor filantrópico e benéfico; a proxección exterior; o compromiso con Galicia e a súa identidade; e remata cunha aproximación a cada un dos grandes coros históricos: Toxos e Froles (Ferrol, 1914), Cántigas da Terra (A Coruña, 1916), Coral De Ruada (Ourense, 1918) e Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela, 1921).