IV Exposición Colectiva UNHA VIAXE SOLIDARIA E CREATIVA Á VIDA, en Santiago de Compostela
A Sede Afundación de Santiago de Compostela acolle dende o 27 de maio ata o 27 de xuño a IV Exposición Colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida» de Terra de Homes. Un ano máis, colaboramos con este proxecto expositivo no que participan coas súas obras máis de 50 artistas de pintura e escultura de Galicia para recadar fondos en beneficio do programa «Viaxe cara á vida» organizado pola ONG. As obras poderán adquirirse por un prezo único de 150 €, importe que se doará íntegramente ao proxecto de Terra de Homes.
«VIAXE CARA Á VIDA» é un programa sanitario promovido pola Fundación Terra de Homes, que facilita dende 1995 o traslado a España de nenas e nenos procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento, entre eles Togo, Benín, Mauritania, O Senegal, Marrocos e Guinea Conakry, para seren intervidos de diferentes e graves patoloxías que non poden ser atendidas nos seus lugares de orixe por falta de recursos e infraestruturas adecuadas. Durante este período foron operados máis de 700 nenos e nenas, e máis de cen deles en Galicia, de cardiopatías, queimaduras ou problemas traumatolóxicos e maxilofaciais. No proxecto colaboran de forma altruísta hospitais da sanidade pública e privada (en Galicia, o Hospital Materno Infantil da Coruña, o Hospital Clínico de Santiago, o Grupo Hospitalario HM A Rosaleda de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), equipos médicos, voluntariado e familias de acollida.
O obxectivo desta actividade de asistencia libre e gratuíta é recadar fondos para o programa mediante a adquisición de obras: Todas as pezas están á venda por 150 €, doándose o importe íntegro ao proxecto.
Unha oportunidade para adquirir arte galega, mentres se contribúe a salvar vidas, a través deste modelo solidario no que cooperan entidades públicas, privadas e a sociedade. Con esta iniciativa que une cultura, saúde e solidariedade, demóstrase o poder da arte como ferramenta de transformación social.
Aproveita para visitares a axenda web e decatáreste de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes. Tamén podes entrar na nosa ticketeira Ataquilla.com para informarte doutras actividades escénicas.