Mostra «A Arte no Cómic». Santiago de Compostela
Do 24 de xaneiro ao 15 de abril visita na Sede Afundación de Santiago de Compostela «A Arte no Cómic», unha mostra de Fundación Telefónica que recolle reinterpretacións dalgunhas das obras máis emblemáticas da historia da arte a través dos cómics de 73 ilustradores e autores de prestixio.
«A Arte no Cómic» estrutúrase en tres grandes ámbitos: o primeiro deles recolle a relación entre os grandes centros de arte e o cómic a través de obras da colección do Louvre ou do Museo de Orsay xunto á editorial Futuropolis, mostrando o traballo de autores tan recoñecidos como Catherine Meurisse, Manuele Fior, Enki Bilal ou David Prudhomme, así como a obra de Edmond Baudoin sobre Dalí, editada polo Centro Nacional de Arte e Cultura Georges Pompidou. Tamén se inclúen iniciativas dos centros de arte españois, coma os cómics de Miguel Ángel Martin, Álvaro Ortiz, David Sánchez e Santiago García, editados polo Museo Thyssen-Bornemisza e a editorial Astiberri. Fundación Telefónica tamén se sumou a esta iniciativa encargando versións libres dalgunhas das mellores pezas do seu patrimonio artístico a diferentes ilustradores, que ofrecen a súa visión de obras de Picasso, Tàpies ou René Magritte.
O segundo ámbito está centrado no cómic desenvolto por autores galegos como Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado. Ademais, con motivo desta mostra, Afundación encarga a Jacobo Fernández Serrano unha historieta baseada nalgunhas das obras e autores máis sobresaíntes da súa colección de arte, Pikiblinder: Leiro, Maruja Mallo, Castelao, Laxeiro, Lugrís ou Minguillón, entre outros.
Por último, a exposición recolle como as grandes obras da pintura aparecen no cómic, facendo especial fincapé na actual corrente museográfica que avoga por un achegamento á novena arte como unha disciplina que ineludiblemente ha de estar presente na programación dos museos e grandes centros. Trátase dunha nova visión do mundo da pintura, unha mirada persoal e unha homenaxe dos autores de bandas deseñadas que, conscientes da capacidade narrativa desta, utilizan os seus recursos para nos mostrar o mundo da pintura dun modo distinto ao que habitualmente ofrecen críticos e teóricos da arte.
VISITAS GUIADAS
Para grupos a concertar no 981 552 577
ACTIVIDADES PARA ESCOLARES:
DO LENZO AO CÓMIC. Infantil a 3º de primaria
BOCADILLOS DE CÓMIC E HISTORIA. 4º de primaria a 2º de ESO
A ARTE NO CÓMIC. 3º e 4º de ESO, bacharelato e CF
Prezo: 1 €/participante