Exposición GALICIA EN VILO. A ollada dos fotógrafos galegos sobre a pandemia que mudou as nosas vidas na Coruña
EXPOSICIÓN A PÉ DE RÚA.
Proxecto fotográfico coordinado polo fotoxornalista Miguel Riopa que nos mostra as diferentes perspectivas e contextos que xerou na sociedade o proceso da pandemia, o confinamento, as novas situacións vitais, diferentes sectores especialmente afectados, etc. Un percorrido necesario para observar e facernos conscientes de como a situación afectou substancialmente ás nosas vidas a través da mirada de sete profesionais do xornalismo en imaxes.
Esta exposición, xunto con "Primavera tras a ventá", forma parte do proxecto dual Miradas desde o confinamento, unha reflexión en imaxes sobre as experiencias vividas ata o de agora coa pandemia da COVID-19 e, sobre todo, durante a fase de confinamento, do 15 de marzo ao 15 de xuño de 2020. A exposición que nos ocupa céntrase no enfoque profesional, mostrándonos unha selección dos traballos realizados por recoñecidos fotoperiodistas do noso país. A outra exposición coa que dialoga estreitamente, céntrase en imaxes de particulares, que tamén contan as súas vivencias persoais, desde calquera contexto, ao redor da situación do confinamento.
Galicia en vilo. Exposición de rúa, situada na Zona do Obelisco na Coruña. Aborda o confinamento a través da mirada dos profesionais da imaxe, eles tomaron o pulso ao que estaba a suceder en rúas, hospitais, estradas, dando testemuño daquilo que non puidemos ver desde as nosas casas. A súa mirada convérteos en testemuñas e notarios da Historia, que agora comparten connosco desde a cidade da Coruña.
Primavera tras a ventá. Sede Afundación A Coruña. A mirada doméstica complementa á profesional, neste caso son os particulares os que acudiron á chamada do concurso fotográfico Álbum Covid de Afundación e compartiron con Afundación primeiro, e agora con visitantes á exposición, a historia do confinamento de portas cara adentro. A vida detida nos fogares e plasmada en imaxes nas que as emocións afloran, e a creatividade e sensibilidade mestúranse en fotografías cargadas de mensaxe.
A EXPOSICIÓN
FOTOPERIODISTAS PARTICIPANTES
Miguel Riopa (1967, Campo Lameiro, Pontevedra) coordina este proxecto expositivo.
Desde o ano 90 traballou como redactor gráfico nos xornais Xornal Diario, Diario de Pontevedra, Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia e El Mundo. Foi correspondente da Axencia EFE e de Associated Press. Na actualidade desenvolve a súa actividade profesional na Agence France - Presse, ademais de colaborar con varias editoriais e empresas dedicadas á comunicación empresarial. Ao longo da súa carreira de fotógrafo recibiu numerosos recoñecementos nacionais e internacionais.
Óscar Corral (fotoperiodista de El País Galicia), Mónica Vila (fotógrafa freelance), Agostiño (fotógrafo freelance, actualmente en La Voz de Galicia), Brais Lorenzo (fotoperiodista. Habitualmente en EFE noticias e Faro de Vigo), Miguel Muñiz (fotógrafo freelance), Miguel Riopa (fotoperiodista, Agence France – Presse), e Xoán A. Soler (La Voz de Galicia).
Desde a mirada profesional e persoal de diferentes profesionais da fotografía, este proxecto aborda ópticas diversas do confinamento, desde as novas formas de relacionarnos, de traballar, de estudar, facer a compra, xogar... Unha composición visual deste fito histórico, recoñecendo o negativo que vivimos, pero tamén as repercusións positivas ao pasar máis tempo na casa coas nosas familias. Ao mesmo tempo, moitas das instantáneas reflicten a crise sanitaria e o inmenso sacrificio dos equipos de traballo no sector e doutros relacionados ou que xogaron un papel especial en tempos de coronavirus. A todas esas persoas, con esta exposición, queremos mostrar o noso agradecemento e o de toda a sociedade.
A entidade internacional Museums Association publicou unha declaración que detalla como se debe abordar a recompilación e divulgación de material documental do Covid-19, salientando a importancia de facelo con «sensibilidade e respecto». Estes conceptos serán a base ética desta exposición, que nace como unha resposta de Afundación dentro do seu compromiso coa sociedade galega.
En palabras do coordinador da mostra: «A información constrúese con imaxes. Tamén a memoria. As imaxes daquilo que nunca puidemos ver porque estabamos confinados: as rúas eran un mundo solitario, alleo, desconcertante e durante preto de dous meses, vimos o que pasaba a través da mirada dos fotoperiodistas. Contáronnos o silencio das rúas, a actividade frenética do persoal sanitario pelexando cun virus do que apenas sabiamos nada. Foron esenciais. A mirada dun fotógrafo ve pola nosa. Nas semanas en albas co confinamento, ao retrato da mirada dun médico na xanela dun hospital non lle facían falta palabras. É fotoperiodismo. O relato está nesa mirada. E despois, na memoria.» Miguel Riopa.
As exposicións temporais de Afundación abren as súas portas con actividades para escolares e protocolos especiais de distancia social e limpeza que, cos máis pequenos se converterán nun xogo didáctico máis:
ESCOLARES
Un virus con coroa. Visita-conto con obradoiro. Educación Infantil a 3º de Primaria
Facendo historia. Visita con taller. 4º de primaria a 2º de ESO
A pandemia que o mudou todo. Visita taller. 3º e 4º de ESO, bacharelato e CF
MEDIDAS DE PREVENCIÓN COVID
- Uso obrigado da máscara