Exposición FERROL NO TEMPO, en Ferrol
O obxectivo desta mostra FERROL NO TEMPO é reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade galega en xeral e da área de Ferrol en particular, explorando a interacción entre o urbanismo, a sociedade e o territorio nunha cidade caracterizada por exemplificar un dos mellores casos de urbanismo ilustrado na Península Ibérica, pola súa evolución no século XVIII. Ese Ferrol Ilustrado, o da Magdalena, o Arsenal e as defensas militares da ría, aspira a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
VISITA GUIADA DE CLAUSURA
O sábado 28 de xaneiro pechamos a exposición celebrando a última visita guiada coas explicacións de Manuel Gago, Guillermo Llorca e outras persoas do consello asesor da mostra. Agardámoste.
28 XAN 2023 | 17.30 h
Inscricións no 981 330 280 ata encher a capacidade.
Esta proposta, CIDADES NO TEMPO, é unha das máis complexas e ambiciosas organizadas na nosa comunidade nos últimos anos. En cada exposición, cun legado que se remonta séculos na nosa historia, explórase a singularidade de cada unha das cidades, diferentes entre si, pero á vez fortemente conectadas.
Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e finalmente Ourense, serán as seguintes cidades galegas protagonistas desta exposición e nas que irá recalando ao longo dos meses ata chegar a 2024.
COMISARIO | MANUEL GAGO
A EXPOSICIÓN
Dende distintas perspectivas como son a estética, a economía, a creación artística, a educación e a memoria, a mostra afonda nunha urbe que foi medrando, dende o Ferrol Vello conservado nos símbolos, baixo a presenza dunha das principais bases da Armada española e importantes estaleiros da mariña militar e mercante. Nesta mostra faise un percorrido por unha cidade que foi a primeira de Galicia onde se deu entrada aos saberes técnicos e tecnolóxicos, cunha poboación obreira cunha demanda de acceso á educación moi relevante, sendo tamén o primeiro núcleo galego onde se inaugurou unha Escola de Artes e Oficios (1881).
Á fronte do proxecto está Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Para esta exposición de Ferrol conta co asesoramento como coordinador local de Guillermo Llorca, investigador especializado na historia da cidade.
Para facer esta incursión en Ferrol, a proposta válese dunha combinación de materiais físicos e tecnoloxías interactivas, con documentos, planos, mapas, fotografías, obras de arte, obxectos históricos e cotiáns. Trátase dun dos proxectos expositivos de maior complexidade técnica impulsados pola Xunta de Galicia nos últimos tempos.
MITOS E ORIXES
Case todas as cidades galegas contan cun mito fundacional, un relato das orixes que as sitúa nun momento determinado da historia.
O relato expositivo de Ferrol no Tempo parte nesta primeira sección cunha recreación a través de ilustracións animadas da Batalla de Brión, librada na contorna da Ría de Ferrol entre tropas británicas e españolas en 1800 e que puxo a proba por primeira vez o sistema defensivo da cidade.
TRAMAS
As tramas poñen en valor a documentación histórica dunha cidade, axudando a comprender o que é hoxe a urbe, dende estruturas defensivas ata a loxística dos servizos de subministración e saneamento, dende as grandes obras públicas ata as comunicacións subterráneas. A través deste apartado afóndase (con documentos, planos, mapas, deseños, proxectos...) na evolución, dende o Ferrol Vello que perdura nos símbolos, ata unha cidade na que conviven dúas realidades: a presenza dunha das principais bases da Armada española e importantes estaleiros.
• Este percorrido lévanos pola expansión urbana de Ferrol, dende o porto aos barrios, sendo dende o século XVIII un dos mellores casos de urbanismo ilustrado na Península Ibérica. A súa evolución estivo marcada pola industria e as demandas dun sistema con forte presenza de cidadanía estranxeira, problemas sociais e a necesidade de organizar servizos públicos eficaces.
ESCENARIOS
A cidade é mais que unha representación da trama urbanística. É un espazo de interacción e intercambio social conformado ao longo do tempo. Esta sección explora as claves da sociedade ferrolá a través de obxectos históricos, de alta cultura e cotiáns, obras de arte ou fotografías, tendo en conta que foi a principal cidade galega onde se deu entrada aos saberes técnicos e tecnolóxicos, conformando unha rede de industrias auxiliares ao abeiro dos estaleiros.
• No relato vemos unha urbe que destaca no ámbito da educación, pola gran demanda de formación da sociedade obreira (a Escola Obreira de Ferrol fundouse en 1915 como parte das políticas sociais do estaleiro) e do entretemento, cunha importante oferta plasmada en teatros (caso do Teatro Jofre), cines e celebracións populares.
• Ademais, neste contexto, Ferrol caracterízase polas iniciativas sociais como o Hospital de la Caridad e importantes benfeitores da cidade como o Marqués de Amboage.
CIDADE NARRADA
Unha cidade está tan construída con edificios como con palabras. Profúndase así nesta parte da mostra na cidade inmaterial a través de obras literarias e distintos tipos de publicacións, como a prensa, que constribuíron á construción da súa imaxe.
• Abórdase a relación de Ferrol coa lingua galega, un repaso á literatura e ás principais cabeceiras históricas de prensa: Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada, El Correo Gallego, El Obrero, Diario Ferrolano...
VOCES DA CIDADE
Relacionado co anterior punto, a exposición remata achegándose a unha representación do discurso que queda na memoria da xente, coas voces da veciñanza que contan historias.
• Atopamos en Ferrol unha experiencia audiovisual que nos conecta con vivencias propias vinculadas a algún espazo da cidade de persoas como Eduardo Hermida, promotor das Meninas de Canido; Ánxela Loureiro, profesora; ou o sindicalista Carlos Mella.
LIÑA DO TEMPO
Trátase dunha sección transversal a toda a exposición que serve de fío condutor para ir destacando diferentes pezas, de distinta tipoloxía, de grande importancia para o relato da cidade porque contan unha historia relacionada con ela.
• Aquí podemos observar un documento do S.XV (Arquivo de Simancas). Trátase da confirmación dos privilexios de Ferrol polo Rei Enrique IV que representa o camiño de Ferrol para acadar o título de cidade: entre 1467 e 1470 acontece en Galicia a II Revolta Irmandiña. Nos estados de Andrade, controlados por Fernán Pérez II, estoupa un auténtico alzamento popular. Ao abeiro desa axitación, o monarca Enrique IV confirma os antigos privilexios de Ferrol como vila reguenga e nomea a Pedro Canada como alcalde enna vila de Ferrol por noso sennor el rey.
PLANOS E DOCUMENTOS
Descrición do Porto de Ferrol–1639
Mapa conservado no Arquivo Xeral de Simancas. A Coroa integrou a ría dentro do sistema loxístico de apoio á Armada. A finais do s. XVI, promoveu a Real Fábrica de Biscoito en Neda, aproveitando o caudal do río Belelle.
Copia do plano orixinal do proxecto do Arsenal de Ferrol – 1752
Esta copia do plano sobre o que se deseñou o Arsenal aprobado polo Rei no ano 1751 tamén está baixo custodia do Arquivo de Simancas. Ten un gran valor histórico porque nel pódese comprobar que o proxecto orixinal do Arsenal xa ofrecía unha solución habitacional para o amplo continxente humano que chegaría á cidade e que conformaría ao longo do tempo o seu urbanismo.
Plano da Alameda de Ferrol – 1841
Este documento chega á exposición dende o Museo Naval de Madrid cunha grande importancia por tratarse do plano da considerada a primeira Alameda urbana de Galicia. Nel explícase a súa ubicación entre “a nova poboación de A Magdalena e o Arsenal dos Diques”.
Notas do escribán Lopo García de Toar, notario público de Ferrol – Segunda metade do S.XV
O notario de Ferrol Lopo García de Toar copiou 23 poemas do cancioneiro de Afonso Paes cando a poesía trobadoresca en galego estaba en desaparición. Porén, os poemas, conservados no Arquivo de Galicia, son innovadores e de valor excepcional na literatura peninsular da época.
ARTE
Pintura do Arsenal de Mariano Sánchez: “Dique de Ferrol” – 1792-1795
Este cadro, chegado do Palacio de El Pardo, é das primeiras vistas de Ferrol dende o Arsenal que aparece na arte. Mariano Sánchez representou nas súas pinturas un Arsenal cheo de vida e traballos, empregando as embarcacións como escala para amosar as dimensións da infraestrutura portuaria. O pintor pasou 47 días en Ferrol e contou coa axuda do peón moledor Caetano de Seixas. Alí tomou todos os apuntamentos precisos para executar despois o cadro en Madrid.
Pintura de Ricardo Segura Torrella: “Cara a Fisterra”
Por cortesía da propia familia do autor pódese observar na mostra unha pintura escasamente coñecida e, ao tempo, unha impactante icona da pintura galega da Transición. A densa estrutura poboacional de Ferrolterra fai que cidade e rural se fusionen. Este cadro de Ricardo Segura Torrella amósanos unha sociedade en transición, mecanizada e rural ao tempo. Na obra reúnense materiais visuais de tres partes de Galicia: a idea da escena, vista nas proximidades de Fisterra; o camión, fotografado en Navia de Suarna; e as personaxes: labregas de Doniños e a filla do autor.
Pintura de Fernando Álvarez Sotomayor: “Dama lendo xunto a unha fiestra” – 1926
A estética da cidade combina de xeito único as premisas ilustradas coa presenza de sucesivas trazas da arquitectura do século XIX e principios do XX. No cadro do ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor observamos o gusto modernista polas vidreiras de luz. Forma parte da Colección de Arte Afundación.
HISTORIA
Cristo da Tafona – S. XV
O Cristo da Tafona (anónimo) é un dos escasos cruceiros góticos conservados en Galicia e pertence ao Concello de Ferrol. Estaba localizado no alto do barrio de Canido, próximo á propia Tafona. Ao carón do Crucificado aparece San Xoán Bautista, dunha banda, e da outra a Virxe María sustentada por dúas figuras.
CIENCIA E TECNOLOXÍA
Enciclopedia mecánica – Ángela Ruiz Robles, 1962
A Enciclopedia Mecánica considérase a antecesora do hipertexto. A mestra Ángela Ruiz Robles concibiuna como un xeito de alixeirar os materiais de estudo dos escolares. O prototipo foi fabricado nas instalacións do Parque de Artillería de Ferrol, sendo unha peza que representa á perfección os avances da ciencia e a tecnoloxía na cidade, onde se produciu un encontro único entre a cultura e a técnica. Procede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía.
Reloxo de mesa con seis esferas– 1811
Este é outro exemplo da cultura técnica do Arsenal que se estendeu á produción de obxectos para a emerxente sociedade burguesa. Dende o precursor Andrés Antelo, construtor do reloxo da Torre da Berenguela da Catedral de Santiago, ata artesáns que fabricaban e ensamblaban reloxos para casas e institucións.
Autoría: D. Maier (ourive), F. M. Franco (inventor), A. Cepeda (artífice). Museo de Pontevedra.
ENTRETEMENTO
Trompeta cine sonoro (Western Electric, California) - 1928
Ferrol dispuxo dende o século XVIII dunha rica oferta de entretemento e artes públicas. O importante número de cines da cidade, xunto co Teatro Jofre, configuran Ferrol como un intenso espazo de lecer que gozaba dunha variada programación fílmica. O Museo do Cine de Narón conserva esta antiga trompeta, unha das escasas testemuñas conservadas da chegada do cine sonoro a Galicia, que fala do dinamismo e conectividade da sociedade ferrolá das primeiras décadas do século XX.
Experiencia interactiva
A exposición concédelle grande importancia á tecnoloxía para conseguir a interacción do visitante coa mostra, mergullándose de cheo nela e case que deseñando o seu propio percorrido e experiencia.
O Miradoiro
Entre Tramas e Escenarios atopamos unha gran mesa interactiva, chamada o Miradoiro, que nos permite aplicar todos eses documentos e obxectos que se estenden pola exposición nun infográfico interactivo, cunha cartografía a grande escala da cidade e a súa topografía. Os visitantes operan con el como nun laboratorio a través dunha recreación virtual da cidade explorando as súas grandes transformacións e percorrendo sobre ela os documentos que están nos expositores.
Padróns
A cidade está construída cunha gramática visual e estética que se plasma nas características dos edificios, nas pautas dos ferreiros e dos carpinteiros, nos deseños dos arquitectos e nos trazos culturais da arquitectura. Unha instalación interactiva lévanos nesta sección a esas marcas visuais que definen a identidade da cidade: dende materiais construtivos ata iconas gráficas, sinaléticas, cores ou ornamentacións. A través dos Padróns, a mostra explora a estética de Ferrol centrada nas portas, nas galerías e nos ferros.
DIDÁCTICA
Visitas obradoiro e comentadas INFANTIL, PRIMARIA, ESO, BACHARELATO e CICLOS FORMATIVOS novembro - xaneiro Esta exposición forma parte do proxecto global CIDADES NO TEMPO, co que pretendemos pór en valor a identidade urbana de Galicia a través de sete mostras sobre cada unha das sete cidades galegas.
• Visita obradoiro STEAM | INFANTIL A 3º PRIMARIA | 2 € escolar Ímolo pasar “Pirata”! Nunha cidade que destaca por ser unha auténtica fortaleza militar, coarásenos un pirata de carne e óso.
• Visita obradoiro STEAM | 4º PRIMARIA A 2º ESO | 2 € escolar Ferroláns, cidadáns de ferro. Ferrol, terra de ferro, inspirará esta viaxe no tempo.
• Visita comentada | 3º ESO A BACHARELATO E C.F. | 2 € escolar Ferrol no tempo. Historia, sociedade e economía na cidade de Ferrol.
Información e reservas: 981 330 280 | areaeducativaferrol@afundacion.org
MANUEL GAGO | COMISARIO
Manuel Gago Mariño é doutor en Ciencias da Comunicación pola USC, director da plataforma de divulgación cultural culturagalega. gal do Consello da Cultura Galega e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Especializado na confluencia entre cultura e tecnoloxía, e pioneiro de novos formatos dixitais de comunicación cultural desde finais dos anos 90, é responsable de numerosas iniciativas de posta en valor do patrimonio cultural, ademais de colaborador dos principais medios de comunicación do país, como La Voz de Galicia, a Radio Galega, El Progreso ou o Diario de Pontevedra. Como comisario de exposicións, Gago ten traballado con algunhas das máis relevantes institucións do ámbito galego e xestionado pezas dos máis destacados centros internacionais. Foi responsable das mostras Ao pé do lar: memorias da cociña (Fórum Gastronómico / Museo do Pobo Galego, 2010), Galicia 100. Obxectos Comisariado para contar unha cultura (Consello da Cultura Galega, 2016), Alba de Gloria de Castelao: unha experiencia (Consello da Cultura Galega, 2018) e Galicia, un relato no mundo (Fundación Cidade da Cultura, 2019). Como ensaísta e escritor, Gago ten publicado libros con éxito de público, entre os que destacan o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora, 2012) co arqueólogo Xurxo Ayán, o libro de narrativa Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia (Xerais, 2013) e as novelas O Anxo Negro (Xerais, 2016), O exército de fume (Xerais, 2016) e Nus (Xerais, 2021).
Comité científico xeral
• Miguel Pazos Otón. Doutor en Xeografía. Profesor Titular de Xeografía Humana na USC
• Cristina Sánchez-Carretero. Antropóloga. Doutora pola Universidade de Pennsylvania. Científica titular do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) do CSIC.
• Xaquín Núñez Sabarís. Doutor en Filoloxía Hispánica. Profesor titular do Departamento de Estudos Românicos da Universidade do Minho.
Coordinador local | Guillemo Llorca Freire
Naceu en Ferrol en 1950. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1979 gañou por oposición a praza de profesor numerario de instituto. A partir do ano 1983 exerceu a docencia no centro de ensino secundario Sofía Casanova de Ferrol ata o ano 2011 no que se xubilou. Investigador especializado na Historia de Ferrol, ten publicado máis de trinta libros, entre os de autoría individual e colectiva, e centos de artigos e traballos de investigación en numerosas cabeceiras de xornais e revistas. No campo da narrativa é autor de tres obras literarias. En canto aos medios audiovisuais foi guionista e director de tres vídeos documentais e participou na creación dunha WebQuest didáctica dedicada ao barrio da Magdalena.
Comité científico local
Esperanza Piñeiro de San Miguel. Historiadora. Catedrática de Historia de Ensino Secundario xubilada.
Carmen Porta Losada. Xefa de Arquivo e Biblioteca do Concello de Ferrol.
José Antonio Rodríguez Villasante Prieto. Tenente Coronel de Intendencia da Armada. Membro da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Membro de ICOMOS (Consejo Internacional de Monumentos y Sitios). Margarita Sánchez Yáñez. Cofundadora e membro do consello de redacción de Estudios Mindonienses. Historiadora.
Alfredo Vigo Trasancos. Catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
CATÁLOGO
Cada exposición conta con cadanseu catálogo que segue a estrutura da propia mostra, nun formato moi visual. Poderanse adquirir, a modo de colección, cun estoxo para gardalos.
Estrutura:
— Textos institucionais comúns a todos os catálogos de ‘Cidades no tempo’
• Presidente da Xunta de Galicia
• Presidente de Afundación
• Texto comisario: Manuel Gago
• Texto asesor: Miguel Pazos Otón.
Urbanización e cambio nas cidades galegas
• Texto asesor: Xaquín Nuñez Sabarís. Cidades, que cidade? mapas, imaxinarios, representacións
• Texto asesor: Cristina Sánchez-Carretero. Escoitar e habitar a cidade patrimonial
— Textos específicos ‘Ferrol no tempo’
• Conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades.
• Texto comisario: Manuel Gago. Ferrol: unha cidade de cidades.
• Texto coordinador local: Guillermo Llorca. Ferrol: unha cidade por descubrir.
CIDADES NO TEMPO
O proxecto xeral explora o modelo urbano galego, conformado por pequenas cidades ‘híbridas’ que se imbrican coa paisaxe e fortemente vinculadas. Unha malla urbana que conforma a base da gran ‘cidade xardín’ soñada polos intelectuais de Galicia ao longo do século XX.
Cada exposición é unha indagación interdisciplinar ao redor da herdanza das sete grandes cidades de Galicia, e como ese legado colectivo se conecta coa nosa identidade e memoria individuais. Por iso, exploramos a cidade non só a través das súas trazas urbanísticas e históricas, senón tamén do patrimonio inmaterial que foi conformado ao longo do tempo e que converte a cidade nun espazo de vida, interacción social e memoria. A través da antropoloxía, a lingua, a xeografía, a literatura ou as artes descubriremos o longo e rico proceso de conformación das identidades urbanas de Galicia.
A mostra evidencia tamén o carácter singular e diverso de cada unha das cidades. Cada unha conta un relato propio que se constrúe no tempo e que representa tamén unha parte da nosa sociedade. CIDADES NO TEMPO parte do mito fundacional que recoñecemos en cada unha das sete grandes urbes (Vigo e a industralización, Lugo e a conquista romana, Santiago e as reliquias do Apóstolo…) e compárao coa realidade documentada a través da historia para revelar o que contan e o que esconden de si mesmas.
«Cidades no tempo», un dos grandes proxectos do Xacobeo 2021-2022, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, a Obra Social de ABANCA.