ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO. Unha exposición SIMULTÁNEA, en Lugo

Co gallo do 10º aniversario de Afundación, Obra Social ABANCA, convidámoste a unha festa creativa que celebra por toda Galicia a arte e a cultura a través do macroproxecto SIMULTÁNEA: con sete exposicións, en sete cidades. A Colección de Arte Afundación é o eixe deste traballo minucioso que se expón a un tempo nos nosos espazos culturais. A Sede Afundación Lugo acolle unha destas múltiples mostras, ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO, un periplo expositivo multidisciplinar para coñecer a riqueza creativa da historia da arte de Galicia desde o século XIX ao XXI, afondando na simboloxía das paisaxes costeiras, tan definitoria de boa parte da identidade galega. Do 9 de outubro ao 25 de xaneiro de 2025, no cidade das Murallas.
Comisariado | PALOMA VELA
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA, AQUÍ.
ILUSTRACIÓNS AO VIVO con Nana
Apúntate ás ilustracións ao vivo con SIMULTÁNEA! A ilustradora de Ordes chega á Sede Afundación Lugo para pintar as paredes da sala de mostras coa súa arte dentro do macroproxecto creativo.
9 XAN | 18.30 h
Entrada libre.
Nana (Ordes, 1983)
Ilustradora, educadora artística e artista mural. A súa formación académica é de Xoiaría Artística pola EASD Mestre Mateo e de Ilustración pola EASD Pablo Picasso da Coruña, rematando estudos en Londres cunha bolsa Leonardo Da Vinci. En 2006 céntrase no traballo do graffiti e a arte urbana coa representación dos personaxes que habitan o seu imaxinario. O seu traballo como muralista reflexiona sobre a figura da muller no espazo público, a natureza como medio que habitamos e a historia dos lugares intervidos. Destaca pola súa infinidade de soportes, dende paredes até lenzos, papel, téxtiles, mobiliario ou reciclaxe de obxectos. Nos útlimos anos está a formarse e a experimentar coa cerámica.
As súas técnicas son o spray e a pintura acrílica ou plástica. Realiza debuxo dixital, ademais de gouache, acuarela, lapis e grafito. Na súa paleta destacan as cores vivas combinadas con cores complementarias para crear contrastes vibrantes e dinámicos cos que consegue un estilo propio.
Cunha longa traxectoria na arte urbana e unha liña de traballo enfocada no feminismo, participou en multitude de festivais e convocatorias de arte urbana en Galiza, Portugal e resto da península, nos cales destacan as convocatorias de Oleiros Expresa Urban Fest, o Delas Fest, Derrubando Muros con Pintura, Desordes Creativas, Vigo Cidade de Cor, Viladomar ou Meninas de Canido en Galiza, Loures Arte Pública en Lisboa, Mad Poster Art en Madrid, SanFest en Guadalajara ou o Festival MiraMir en Barcelona.
Despois de formar parte do equipo de produción de Desordes Creativas e Rexenera Fest, actualmente está involucrada no Delas Fest, organizado por 7H Cooperativa Cultural.
No campo da ilustración pódese ver o seu traballo en editoriais como Baía Edicións ou Cuarto de Inverno, e en numerosas campañas gráficas para empresas privadas e entidades públicas.
Pódese atopar máis sobre o seu traballo en www.nana.gal ou no seu instagram: @nanako_nene
VISITAS GUIADAS
A partir do 17 de outubro, cada xoves, ás 19.00 h
Inscricións AQUÍ
PASAPORTE SIMULTÁNEA
Convidámoste a viaxares por Galicia adiante e aproveitares para ir visitando cada unha das nosas exposicións SIMULTÁNEA nas sete principais cidades galegas. Con visitares 3 delas e selares o pasaporte, entras nun sorteo!
Comeza a desfrutar do periplo, descubrindo a arte e a tradición galega en cada espazo. Ao final do camiño, igual tes premio!
Solicita xa O TEU PASAPORTE AQUÍ.
Comisariado | PALOMA VELA
CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos FESBAL, tamén forma parte das sete exposicións de SIMULTÁNEA. Colabora cos bancos de alimentos locais, accedendo á mostra e ás súas actividades paralelas cunha doazón de alimentos non perecedoiros. Grazas!
A ilusión compartida que nos move. Infórmate aquí
A EXPOSICIÓN
Galicia é mar, Galicia é océano; existe unha relación ancestral entre a nosa comunidade e a auga que a baña. Mil cincocentos quilómetros de costa, rías únicas no mundo, portos agachados e outros expostos fixeron de Galicia este territorio singular onde a terra remata e o mar comeza. Ese lugar onde o mar foi, é e será protagonista da nosa historia, como un elemento clave na nosa cultura, sociedade e economía.
Alén da perspectiva naturalista, o tema mariño é abordado polos artistas plásticos galegos desde múltiples puntos de vista cunha gran riqueza iconográfica e simbólica. A paisaxe mariña pode amosar as facetas propias do mundo romántico, belo e sublime, ou aproximacións ao irreal a través das profundidades, os naufraxios e todo o oculto que habita nos fondos mariños, espertando a nosa imaxinación no terreo do inalcanzable.
Ese mar de beleza inconmesurable, fonte de vida, con apracibles mareas e ondada cruel, serve como medio de expresión para as obras que compoñen esta exposición. Preto de medio cento, condensan a mirada de outros tantos artistas galegos que nos levan a navegar por este universo, sentir a súa forza inabarcable, recoñecer o traballo dos nosos homes e mulleres, mergullarnos en lugares só conquistados pola imaxinación ou abordar cuestións transcendentais como a importancia da súa preservación e sostibilidade.
Ao tempo, a exposición propón un percorrido transversal polo desenvolvemento das artes plásticas en Galicia desde o século XIX ata a actualidade. Desde un realismo ateigado de elementos naturalistas, pasando pola visión máis lírica e sintética da paisaxe, ata chegar a propostas conceptuais. Este proxecto transcende os postulados meramente estéticos para amosar unha mirada multidimensional dun elemento esencial da nosa historia e cultura.
Trinta e un artistas e trinta e catro obras de arte conforman ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO, que conta con nomes como Urbano Lugrís, Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Vari Caramés, Prego de Oliver ou os lucenses Tino Grandío, Antonio Murado e Christian Villamide.
APARTADOS
PORTOS E OFICIOS
Mediante este achegamento ao mundo portuario, buscamos enxalzar unha forma de vida que continúa modelando a identidade desta terra mariñeira. A importancia dos barcos e os portos en Galicia transcenden o meramente económico; son puntos de encontro nos que integramos historias, coñecementos e legados ancestrais alén do mero sustento, para se converteren en toda unha forma de estar no mundo. Manuel Torres, Alfonso Costa ou Jenaro Carrero fannos partícipes deste patrimonio cultural retratado como escenario de historias dignas de ser representadas.
PINCELADAS SALGADAS
En certo momento, os creadores tórnanse en alquimistas que, grazas ás técnicas e pinturas adecuadas, conseguen composicións nas que a auga parece asolagar o lenzo, o mar vólvese o espello do ceo e os horizontes invítannos a soñar. En obras como a de Sotomayor ou Tino Grandío as pinceladas atesouran a luz e son capaces de capturar a esencia do mar, facendo que o espectador absorba esta alquimia visual e sinta como as emocións se desprenden do lenzo, convertendo o efémero en eterno.
RITMOS NAS ONDAS
Retratar unha onda implica a tarefa de conxelar un instante, plasmar a forza do impacto dunha rompente e converter a ondulación do océano na protagonista da obra para lograr ser fiel á esencia da ondada. Deste xeito, achámonos ante paisaxes naturalistas, plasmadas a través de pinceladas fragmentadas e empastadas, un ceo que se funde co mar a través dun maxistral uso da cor e as veladuras, en obras como as de Antón Sobral, Germán Taibo ou Ramón Trigo, ou «eses mil pregos lixeiros das ondas que o facían semellar unha tea enrugada» aos que se refería Virginia Woolf na súa novela As ondas, e que nos transporta á Vista isométrica do continente antártico desde o mar de Ross de Pamen Pereira.
O AZUL E AS SÚAS FERIDAS
O mar enferma. Ese océano azul, cheo de vida, sofre como consecuencia da acción irresponsable do ser humano, provocando a aparición dunha dicotomía entre o azul e o negro, entre a vida e a morte. Desta forma, acabamos mergullándonos da man de Lodeiro, Huete ou Murado nun océano xeométrico de azuis intensos, ao tempo que escoitamos as chamadas de socorro de Pepe Galán, de Berta Cáccamo, ou de Lito Portela. Amósansenos, así, as múltiples facetas e contrastes entre as augas inmaculadas e as súas ameazas. Cor e formas únense nun canto á protección dos nosos mares que resoa con forza a través deste conxunto de obras.
O MAR IMAXINADO
Coas luces das estrelas e os faros como guías, emprendemos unha viaxe cara a mundos soñados, cara a augas imaxinadas. Menchu Lamas crea unha silueta representativa da fauna mariña, sintetizando o mar a través de iconas, formas e cores. Outros mares amósansenos máis coridos, compostos por franxas, signos e grafismo que aluden ao primitivismo latinoamericano como na obra de Pailós. Materia e cor, figuración e abstracción téndennos a man nas obras de Christian Villamide e Xurxo Fandiño para guiar o noso camiño de volta á casa.
CATÁLOGO
O proxecto SIMULTÁNEA, coas súas sete exposicións nas sete urbes galegas, recóllese neste traballo que pretende centrar a ollada nas relacións e diálogos que enriquecen a lectura da Colección de Arte Afundación alén do seu interese cronolóxico. Este catálogo, pois, é un reflexo da diversidade de ópticas con que foi analizada e organizada desta volta a Colección. Foron sete especialistas quen abordaron as introducións de cada un dos sete capítulos:
José Manuel García Iglesias, MODO RETRATO; Asunta Rodríguez, O OBXECTO CONTEMPORÁNEO E DOMÉSTICO; Carlos L. Bernárdez, ESCENAS DE COSTA E MAR ABERTO; Federico L. Silvestre, ESPAZO ABERTO E NATUREZA; Miguel Ángel Cajigal, ABSTRACCIÓNS E MENSAXES CIFRADAS; Mercedes Rozas, ARQUITECTURAS NARRADAS; Pilar Corredoira, VOAR COA IMAXINACIÓN.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA AQUÍ.