Bo trato ás persoas maiores: pola igualdade dixital - Espazo +60 Ferrol
Afundación, en colaboración con Cruz Vermella e Cáritas, organiza unha xornada especial con motivo do Día Internacional do Bo Trato ás Persoas Maiores. O encontro, que terá lugar o venres 12 de xuño no auditorio da Sede Afundación Ferrol, busca sensibilizar sobre a importancia de construír unha sociedade máis inclusiva, libre de discriminación por razón de idade e comprometida coa participación activa das persoas maiores.
A actividade comezará cunha benvida institucional e unha breve contextualización sobre a realidade que afrontan moitas persoas maiores en relación co idadismo e a exclusión social. A continuación, desenvolverase a dinámica participativa «As chaves do bo trato», unha proposta que convida ás persoas asistentes a reflexionar e compartir que significa para elas o bo trato. As súas achegas quedarán recollidas simbolicamente nunha porta instalada no escenario.
A xornada incluirá tamén un monográfico sobre igualdade dixital impartido polo equipo de Afundación. Durante esta sesión presentaranse recursos e ferramentas que facilitan o acceso ás novas tecnoloxías, contribuíndo a reducir a fenda dixital e favorecendo unha participación plena na sociedade actual.
O acto rematará coa lectura dun manifesto institucional que poñerá en valor o respecto, a dignidade e os dereitos das persoas maiores.
Data: 12 de xuño de 2026
Horario: de 11:00 a 12:30 horas
Lugar: Auditorio da Sede Afundación Ferrol
Entrada: gratuíta con inscrición previa a partir do 8 de xuño chamando ao Espazo +60 Ferrol.