Exposición A VIDA LENTA. Memorias e ritmos do rural galego, en Ferrol
Novo proxecto expositivo interdisciplinar que reflexiona sobre as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía, a súa presenza na cultura contemporánea e a sostibilidade do medio. Da man de Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego, «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», conxuga máis de 50 fotografías, máis de 40 minutos de pezas audiovisuais, fragmentos poéticos e música nun proxecto pensado como instrumento para fomentar o debate contemporáneo e a revisión dunha realidade esencial para a conformación da identidade en Galicia. Na Sede Afundación de Ferrol do 31 de xaneiro ao 20 de abril de 2024.
ASER ÁLVAREZ | comisario
VISITAS GUIADAS PÚBLICO XERAL
Mércores 20 MAR | 19.00 h
Mércores 17 ABR | 19.00 h
VISITA GUIADA FAMILIAR ESPECIAL SEMANA SANTA
26 MAR | 11.30 h
INSCRICIÓN AQUÍ
Esta exposición e as súas visitas guiadas enmárcanse na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros.
AQUÍ máis información.
A EXPOSICIÓN
Conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos sobre o rural galego desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Cada un deles achega unha perspectiva diferente sobre unha mesma realidade, e é esta diversidade de perspectivas a que favorece unha precisa análise sobre as representacións do rural, aquelas que foron constituíndo, tamén lentamente, o imaxinario colectivo.
Algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez e, como novidade, a galardoada na última edición Medos Romero, tamén amosan na mostra varios versos co obxectivo de reflexionar sobre a presenza da natureza na cultura contemporánea.
E a nivel musical, Moisés Quintas crea a banda sonora da mostra, recreando o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas. El é un estudoso dos alalás, canto popular galego lento e executado nunha serie de notas sobre unha soa sílaba, formando un adorno, que remata frecuentemente con ‘ailalala, ailalala’ ou semellante.
Quintas inspírase especialmente na obra fotográfica de Carlos Valcárcel.
Eu son un namorado dos alalás. Comecei a tocalos con distintos instrumentos que imitan a natureza, o vento, os paxaros, o son do carro… Instrumentos que nacen da mesma terra, de barro, de cana, de óso ou corno… As frautas que interpreto reflicten a evolución deste instrumento, tocándose en Galicia en distintos momentos e contextos ao longo da historia, desde frautas pastoriles feitas polos propios pastores en cana, óso ou corno ata outras máis elaboradas talladas en madeira ou metal e fabricadas por artesáns cunha finalidade máis profesional, para seren empregadas en grupos de música tradicionais ou bandas populares.
Velaquí as distintas frautas que toca Moisés Quintas na banda sonora: frauta de óso de cabrito, frauta de corno de cabra “Caramela”, frauta de barro cocido “Ocarina”, de bico de cana “Pitos Galegos” e frautas traveseiras de cana, de madeira “Requinta” e de metal.
Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Esta exposición desenvólvese nunha conxuntura en que a preocupación pola conciliación persoal, a convivencia co medio natural e a análise dos nosos ritmos vitais está a experimentar unha reflexión intensa a consecuencia da pandemia. A teor deste contexto, o traslado ao rural ou a núcleos de poboación máis reducidos preséntase como un garante de calidade de vida. O que noutrora fora deostado como antítese do progreso, contémplase agora como posible solución dos desequilibrios de demografía territorial.
- OLLAR EN BREVE
Testemuñas audiovisuais de A VIDA LENTA
Recursos concibidos e aloxados en Afundación TV
Esta serie de testemuñas audiovisuais ilustran a diversidade e potencia creativa e cultural do rural. O rural acostuma asociarse unidireccionalmente cos valores da tradición, do esforzo e da cultura popular folclórica. A forza desta proposta reside en aprendermos que o rural tamén significa inspiración contemporánea, compromiso, vangarda e rebulideiro de creatividade.
Elena Ferro - zoqueira
Iria Ribadomar (Deica Creacións) - ilustradora e deseñadora
Javier Olleros (Culler de Pau) - cociñeiro 2 estrelas Michelín
Luís Davila (O Bichero) - artista gráfico e humorista gráfico
Ana Corredoira (Granxa A Cernada) - gandeira e bióloga
Davide Salvado - músico tradicional e activista rural
Podes ver todas as testemuñas AQUÍ!
- FALADOIROS VIRTUAIS en Afundación TV
Varias entrevistas guiadas polo comisario Aser Álvarez co cineasta galego ÓLIVER LAXE, a emprendedora XOANA ALMAR e a Premio Nacional de Poesía 2020 OLGA NOVO.
Podes ver AQUÍ OS VÍDEOS - ESCOLARES
Infantil a 4º Primaria - Visita conto con obradoiro STEAM e de sostibilidade - O burro Perico que non pecha o bico
5º Primaria a 2º ESO - Visita con obradoiro STEAM e de sostibilidade - Apagón tecnolóxico, so apto para valentes
3º e 4º ESO, BACHARELATO e CICLOS FORMATIVOS - Visita comentada con obradoiro opcional - A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego
2 €/ participante
Previa reserva a través do correo-e areaeducativaferrol@afundacion.org ou no tf 981 330 280.
PUBLICACIÓNS Á VENDA relacionadas coa temática da exposición:
ANACOS DO RURAL: Unha revisión documental do pasado recente da Galicia rural, libro + 2 DVD | MERCAR
GALICIA RURAL: Un debate contemporáneo sobre o rural de Galicia, libro + DVD | MERCAR
FILLOS DA TERRA de Juan Rodríguez | MERCAR
VIRXILIO VIÉITEZ: ÁLBUM de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal | MERCAR
RAMÓN CAAMAÑO: RETRATOS DA COSTA DA MORTE de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal | MERCAR