Volve a Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación en Vigo
Este outono o Teatro Afundación de Vigo volve ser o lugar de acollida da gran música clásica na cidade. Con concertos da Real Filharmonía de Galicia, a Orquesta Sinfónica de Galicia e a obra en homenaxe á soprano máis recoñecida do século XX, María Callas - Sfogato, a tempada de Clásica Afundación en Vigo presenta un gran repertorio sinfónico para pechar a súa 12.ª edición. A venda de novos abonos está dispoñible dende mañá 21 de xullo e ata o 6 de setembro, mentres que a de entradas individuais, limitada á capacidade dispoñible, abrirase a partir do 7 de setembro en Ataquilla.com.
Unha programación diversa
Con catro datas entre outubro e decembro, a nova Tempada de Clásica integra artistas contemporáneas e o repertorio sinfónico tradicional más recoñecido.
O 7 de outubro, a Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de César Ramos presentará Nostalxia, con pezas de Heitor Villa-Lobos, Maurice Ravel, Darius Milhaud, Henri Duparc e Georges Bizet.
O 15 de outubro será a quenda de María Callas - Sfogato, a obra de Pedro Vílloria que conecta o mundo da ópera coa intimidade teatral para facer unha homenaxe á soprano. Nela inclúense obras como moi recoñecidas como Habanera, de Georges Bizet, O mio babbino caro, de Puccini, ou Casta diva, de Bellini, e vinculada xa para sempre no imaxinario colectivo á voz da soprano.
O 2 decembro, a Real Filharmonía de Galicia volve a tomar o escenario para lembrar a Mozart, Bach e Boccherini pero desde unha nova perspectiva: co músico ruso Sergey Malov na tripla faceta como director, violinista e solista de violoncello da spalla.
O 9 de decembro a Sinfónica de Galicia pecha a Tempada con obras de Federico Mosquera, Edvard Grieg e Nikolai Rimsky - Korsakov baixo a batuta de Alejandro Posada e con Eduardo Rojas ao piano.
A Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación en Vigo é unha das citas imperdibles para os amantes da música en Vigo. Estes catro novos recitais completan o programa que acolleu na primeira metade do ano outros sete.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolvido pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos concertos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.