Volve aos centros escolares «Plantando árbores con pinceis», o proxecto educativo de Afundación que une cultura e sostibilidade
Afundación desenvolverá ata o vindeiro 25 de febreiro unha nova edición do seu proxecto «Plantando árbores con pinceis», coa participación de case 1500 escolares de centros educativos de toda Galicia nas actividades, que terán lugar ata finais de febreiro. A iniciativa enmárcase no programa da Obra Social de ABANCA «Educación para a sostibilidade», premio nacional de Medio Ambiente de CECA.
En «Plantando árbores con pinceis» o alumnado aprende que o uso deste tipo de pigmentos é útil dado o seu poder de absorción dos gases contaminantes derivados do tráfico e das industrias, fomentando a creación de espazos escolares ecoloxicamente máis depurados grazas á implicación das mozas e mozos do centro. Unha innovadora proposta que ten como obxectivo achegar ao estudantado unha mensaxe positiva sobre o coidado da contorna, propoñendo alternativas de lecer que fomentan o respecto ao medio natural a través da arte, cunha metodoloxía participativa e colaborativa.
O proxecto consiste en coordinar ao estudantado participante para realizar un mural, con estas pinturas e con temáticas relacionadas co medioambiente, na parede que designe o centro escolar. A actividade complétase con talleres de pintado de bolsas de tea nos que se traballa a temática ambiental dende un enfoque participativo, o que facilita a toma de conciencia sobre a importancia de coidar da natureza.
Como novidade nesta edición incorpórase un taller de estampaxe no que o alumnado participante realizará un persoal relacionado co coidado do medioambiente que posteriormente se estampará en distintas localizacións de cada centro. Ademais, Afundación incorporará tamén un persoal do movemento internacional «O mar empeza aquí», ao que se sumou a entidade co obxectivo de visibilizar que os residuos que lanzamos na rúa ou directamente na rede de sumidoiros poden acabar no mar.
Dende que se iniciou o proxecto en 2021 e, unha vez finalice esta nova edición, máis de 19000 escolares e docentes terán pintado case 200 murais en centros educativos de toda Galicia.
Imaxes da anterior edición AQUÍ