Vuelapluma, un espectáculo de monicreques sobre respecto e natureza, na programación de teatro para escolares
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta mañá, martes 7 de abril, ás 10.00 e ao 12.00 h, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra, unha nova proposta escénica dentro da súa programación de actividades para escolares: Vuelapluma, de Periferia Teatros, dirixida a público de Educación Infantil. A obra será representada tamén os próximos días 8, 9 e 10 de abril, e asistirán en total preto de 2800 estudantes procedentes de 56 centros educativos de Pontevedra e localidades de arredor.
Tras o éxito de anteriores producións de Periferia Teatro, recoñecidas en festivais nacionais e internacionais, chega o espectáculo Vuelapluma, no que a compañía mostra a tenra historia dun paxaro que, despois de vivir toda a súa vida nunha gaiola, descobre a liberdade de voar nunha proposta escénica que combina monicreques, música e moita poesía visual. Os protagonistas ofrecerán ao público infantil un relato emocionante e coidado nun encontro para fomentar o respecto, a liberdade, o crecemento persoal e a conexión co mundo natural.
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.