Unha explosión de cor e creatividade en Pontevedra con «Diversa. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación»
Afundación presentou esta mañá «Diversa. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación», que recolle máis de 100 obras de recoñecidos artistas a nivel nacional e internacional. A presentación a medios tivo lugar no Café Moderno Afundación de Pontevedra e contou coa presenza de Matilde Rodríguez, comisaria da mostra, e Paloma Vela, responsable de exposicións de Afundación. Ás 19.00 h haberá unha visita guiada inaugural a cargo da comisaria.
A mostra estará aberta ata o 31 de xuño de 2026 de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón.
«Diversa. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación», forma parte dunha sólida liña de programación coa que a entidade aposta pola ilustración e a banda deseñada contemporánea. Na Sala de Exposicións I do Café Moderno Afundación Pontevedra ofrécese unha escolma de pezas que teñen como alicerce da súa creación a ilustración a través de moi diferentes técnicas, desde guache, colaxe e cerámica, ata a animación. Non obstante, o denominador común entre todas elas é a creatividade e a imaxinación desbordantes, que impulsan a renovación das linguaxes formais.
Na nómina de artistas destacan grandes figuras do panorama galego, español e internacional como Adolfo Serra, Ana Jarén, Andrew Rae, Bodil Jane, Catalina Rodríguez Villazón, Emily Eldridge, Harsa, Inés Iglesias, Inma Hortas, Marcos Covelo, María Grande, María Medem, Mariona Cabassa, Maritza Bertollini, Rebeca Losada, Ricardo Cavolo, Rune Fisker e Simon Baily, artistas cun alto perfil multidisciplinar, provenientes de moi diversos sectores e cunha emancipada linguaxe artística a través da cal desenvolven todo o seu potencial creativo, dando renda solta á súa imaxinación.
A pluralidade cultural e identitaria como concepto central que nutre estilos, técnicas e perspectivas é a idea da que emerxe «Diversa. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación», que achega ao Café Moderno Afundación Pontevedra unha selección das propostas máis representativas da ilustración actual. A exposición explora como a variedade cultural, a conexión coa nosa contorna e as experiencias persoais das persoas artistas converxen para dar forma a un discurso visual que dialoga cos grandes retos e temas do noso tempo. A mostra destaca a multiplicidade de linguaxes visuais que conviven dentro do ámbito da ilustración. Un enfoque que permite que a exposición se converta nun espazo onde técnicas clásicas alternen con métodos modernos como a ilustración dixital ou composicións híbridas, o que subliña a capacidade da ilustración para refacerse constantemente, explorando novos formatos, materiais e tecnoloxías.
O termo alude á riqueza de historias e conceptos representados nas obras, que transitan desde temas íntimos, como a identidade e os procesos emocionais, ata cuestións sociais, como a igualdade e a sostibilidade. A mostra posiciónase, por tanto, como un espello da complexidade do mundo actual, de modo que se abordan a inclusión e a representatividade, e configúrase como un mosaico de personaxes e lugares, que reflicten os diferentes contextos culturais, xéneros, etnias e experiencias vitais dos artistas. Un mundo cotián plasmado desde diferentes perspectivas e ópticas, «Diversa. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea Afundación» alude tamén á biodiversidade e a conexión coa natureza, evocando paralelismos entre o contorno natural e a creatividade humana, cuxo vínculo subliña como a ilustración pode interpretar e integrar a variedade que atopamos nos ecosistemas, un mundo vexetal, animal e floral que se converte en inspiración e protagonista do representado.
Esta mostra enmárcase no programa solidario «Cultura por alimentos», que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.
O Servizo Educativo de Afundación deseñou un completo programa didáctico enfocado aos diferentes tramos de idade en etapa escolar. Unha actividade didáctica que se completa cuns obradoiros que mesturan STEAM con sostibilidade e artes plásticas.