
Últimos días para concorrer á XXII edición do Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego
A convocatoria para concorrer ao XXI Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego entra nos seus últimos días. A este certame poderanse presentar todos aqueles artigos incluídos no xénero de xornalismo literario ou ben no de artigo de opinión, coa única condición de que só se pode achegar un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas. As bases do premio están dispoñibles aquí e o último día de recepción de textos será o 15 de xuño de 2025.
O xurado, formado por profesionais no campo xornalístico, literario e académico, dará a coñecer o seu veredicto na súa reunión correspondente. Este certame está dotado con 10 000 euros para o artigo gañador e, como novidade nesta edición, 2000 euros para los outros dous artigos que resulten finalistas.
Entre os gañadores deste certame podemos sinalar, entre os máis recentes, nomes tan importantes como Manuel Bragado, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, María Varela, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Mar Mato, ou Diego Ameixeiras gañador da última edición. As galas de entrega máis recentes e ls entrevistas ás personas premiadas están dispoñibles en Afundación TV.
O INSPIRADOR DO PREMIO
Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) foi unha das figuras máis queridas e significativas da cultura galega do noso tempo. Ensaísta, narrador, editor, xornalista, pertenceu á promoción de intelectuais que xurdiron ao abeiro do Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. A súa longa obra foi un servizo permanente a Galicia, comprometido cos seus procesos de modernización e reconstrución da súa identidade cultural e política. Foi membro do Partido Galeguista e das Mocidades Galeguistas, animador dos programas en lingua galega na BBC, cofundador da Editorial Galaxia e codirector da revista Grial. Colaborou en moi diversas publicacións periódicas, dentro e fóra de Galicia, e ata finais de 2009 foi director da Biblioteca da Fundación Penzol. Doou a súa obra e o seu patrimonio intelectual á cidade de Vigo, na que residiu desde o ano 1940. O Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa. A figura de Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas.
Imaxes de anteriores entregas dispoñibles AQUÍ