The European Odyssey, teatro participativo en inglés, na programación de teatro para escolares de Afundación en Pontevedra
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o luns 12 de xaneiro, ás 10.00 e ás 12.00 h, na Sede Afundación Pontevedra, unha nova proposta escénica dentro da súa programación de actividades para escolares: The European Odyssey, de On Stage Company, dirixida a público desde 1º a 4º de ESO. Asistirán preto de 1130 estudantes procedentes de 12 centros educativos de Pontevedra e localidades derredor.
O teatro participativo será a ferramenta máis útil, práctica e divertida para aprender inglés. Por fin chegou o final de curso e un grupo de estudantes de secundaria dos Estados Unidos, co seu peculiar profesor á cabeza, marchan de viaxe de fin de curso por Europa. Por suposto, nada sae como tiñan planeado e, tras perder a súa guía, terán que superar as situacións máis disparatadas tentando recuperar as súas maletas. Unha viaxe a través das mitoloxías clásicas, dos equívocos culturais e do descubrimento de que, ao final, é moito máis o que nos une ca o que nos separa.
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.