Os escolares asistirán con Afundación en directo desde a aula á obra teatral A festa continúa. Historias de ultratumba
Case 7000 escolares participarán esta semana nas propostas de artes escénicas programadas por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Unha oferta que, como o conxunto de actividades educativas para escolares proposta pola entidade, ten como obxectivo reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, como unha ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares e fortaleza a imprescindible dimensión da ética. Este ano, as actividades chegan aos escolares a través dos directos de Afundación TV, previa inscrición aquí.
As imaxes das obras están disponibles aquí
A programación iníciase esta semana coa representación, en galego e en lingua de signos, mañá martes, 3 de novembro ás 10.00 h de A festa continúa. Historias de ultratumba, de Mamá Cabra e Teatro dúas Ghazafelhos, dirixida a 1º e 2º de Primaria. A obra representarase sen público no Teatro Afundación de Vigo e os escolares rexistrados poderán seguila en directo por streaming a través de Afundación TV. Tras a función os escolares poderán traballar na aula cunha guía didáctica e o vindeiro venres 6, tamén ás 10 h, terán un encontro on line con Gloria Mosquera, integrante de Mamá Cabra e mestra do CEIP Emilio González López de Cambre e con Luchi, un dos actores da obra, para compartir con eles en directo as súas impresións sobre a representación e conversar sobre a importancia de preservar os nosos costumes e tradicións.
Tamén retransmitido on line, o xoves 5 de novembro ás 11.00 h On Stage Company presentará o storytelling (contacontos) The elegant elephant, ao que asistirán desde a aula escolares de 1º e 2º de Primaria, co obxectivo de reforzar dun modo divertido o seu coñecemento da lingua inglesa.
Finalmente, o venres 6 de novembro, ás 11.00 h, terá lugar o taller de instrumentos reciclados con Odaiko Percussion Group sobre tubos afinados para tocar cunha zapatilla. O profesor e percusionista Juan Collazo presenta estes talleres, dirixidos a todo o ciclo de Primaria, onde os estudantes aprenden, en directo desde a aula, a facer sons con distintos instrumentos reciclados fabricados por eles mesmos.
As artes escénicas comprenden unha liña de traballo importante para a entidade, xa que están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais. Así, a programación deseñada por Afundación segue promovendo este curso tamén, en streaming, unha educación en competencias transversais e valores que potencian nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo.