Percorrer virtualmente a Compostela medieval será posible desde hoxe na Sede de Afundación a través de «Compostella Expeditio»
Unha viaxe inmersiva de 20 minutos por rúas e prazas que recrean as da Compostela da Idade Media. Coa axuda de tecnoloxía de realidade virtual, cada persoa poderá decidir por onde camiña, ou se se sobe á estada no que se están completando as obras do Pórtico da Gloria, por exemplo. E desde alí observar a Praza do Obradoiro da época ou interactuar coas propias esculturas que conforman o conxunto escultórico do Pórtico da Gloria creado polo Mestre Mateo. Son algunhas das posibilidades que ofrece «Compostella Expeditio», o percorrido inmersivo pola Compostela medieval que, desde hoxe martes 21 de xullo e ata o 9 de setembro, en horario de mañá e tarde, poderá realizarse na Sede de Afundación en Santiago (Rúa do Vilar, 19). As entradas xa están á venda en Ataquilla.com.
A experiencia foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola coordinadora da Sede Afundación de Santiago, Ana Salgado, e por Carlos Seijo, o director da empresa compostelá Maxina, que produce esta innovadora experiencia inmersiva distribuída por Empiriens. A firma santiaguesa foi finalista na última edición dos prestixiosos XR Awards internacionais, que recoñecen a innovación e a excelencia no desenvolvemento de proxectos con tecnoloxías inmersivas.
Hai imaxes de «Compostella Expeditio» NESTA LIGAZÓN
Un percorrido desde a mesma Rúa do Vilar
A viaxe inmersiva de «Compostella Expeditio» realízase a bordo dunha «máquina do tempo» que transportará ás persoas ata a Idade Media e deixaraas na mesma rúa na que están, a que acolle a Sede de Afundación, a Rúa do Vilar. Pero a Rúa do Vilar de hai 800 anos.
Unha vez na Idade Media, cada visitante poderá decidir por onde camiñar, que facer. E no seu roteiro poderá interactuar con obxectos, con ata 50 personaxes ou, por exemplo, participar na vida social do mercado da Quintana no que postos de comerciantes comparten espazos con antigas sepulturas.
As vivendas, as rúas, ou a arquitectura relixiosa nas que poderán situarse os participantes en «Compostella Expeditio» foron concibidas como recreacións inspiradas na realidade do Santiago de Compostela de finais do século XII e principios do século XIII, que interpretan artisticamente os datos históricos. O equipo de MAXINA, que traballou con documentación e estudos da arquitectura da época para recrear os espazos, priorizou en cada detalle a importancia de incrementar o sentido de presenza da persoa usuaria. E as persoas visitantes, alén de estar en cada lugar, poderán interactuar con obxectos, ou con ferramentas, nalgúns deles. Poderán facelo tanto de forma individual como simultánea, en grupos reducidos.
Experiencia virtual de última xeración
Durante a presentación de «Compostella Expeditio», o director de Maxina, Carlos Seijo, explicou que «tras un ano dedicado á investigación histórica, o equipo dedicou catro anos á produción para levantar dixitalmente, con todo detalle, unha recreación do que sería a Compostela de finais do século XII e principios do XIII nun proxecto sen precedentes en Galicia que permite viaxar á cidade medieval e percorrer as súas rúas en primeira persoa». Maxina, a empresa que produce «Compostella Expeditio» co apoio de Afundación, é a firma responsable de exitosos proxectos anteriores como «Orixes» ou «Hábitats» e das experiencias virtuais proporcionadas nos proxectos de Afundación «O noso Planeta» ou «A PALMA. Volcán e vida».
Con «Compostella Expeditio», Afundación e Maxina achegan á cidade, ademais, un tipo de experiencias de última xeración, as expedicións Free Roam, que gozan de gran acollida en salas especializadas de grandes urbes e facilitan a realización de expedicións virtualizadas de carácter compartido, onde varias persoas desfrutan ao mesmo tempo de experiencias históricas como o afundimento do Titanic ou o antigo Exipto.