Protagonistas da emigración galega relatan a escolares a historia detrás das fotos da mostra «Nós tamén fomos emigrantes»
Mariví Taladrid, que emigrou a Bélxica no 1965, e María Luisa Labayén, que tivo como destino Suíza no 1968, contaron hoxe a estudiantes do CEIP O Marbán as historias que están detrás das fotos que conforman a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». A iniciativa é parte do programa «O valor da experiencia», de Afundación, que ten como obxectivo ampliar as posibilidades de participación e contribución das persoas maiores á colectividade, aproveitando o seu talento e coñecementos vitais e profesionais.
A mostra é parte do proxecto «Corrente cultural», que impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando as propostas alén das sedes de Afundación e ABANCA e que nesta ocasión se desenvolve en colaboración co Concello das Somozas. Poderase visitar ata o vindeiro 21 de novembro na Casa do Concello, de luns a venres en horario de 9.00 a 15.00 h. Na inauguración e visita guiada desta mañá estiveron, ademais das persoas voluntarias do Espazo +60 Afundación de Viveiro e os estudantes de entre 3º e 6º de Educación Primaria do CEIP O Marbán, o alcalde do Concello das Somozas, Juan Alonso Tembrás; o director da oficina ABANCA das Somozas, Esteban Rubido; o director de zona de ABANCA, Óscar López; o coordinador institucional de ABANCA na Coruña, José Manuel Vilariño; a coordinadora da Sede Afundación da Coruña, Beatriz Aler; e a coordinadora do Espazo +60 Afundación de Viveiro, Cristina Goas.
Os protagonistas
María Vicenta Taladrid, Mariví, estivo emigrada en Bélxica desde os 5 anos de idade, cando marchou cos seus pais, ata a actualidade, cando retornou a Viveiro en 2024. Mariví, ao contrario que a súa irmán, fixo a súa vida en Bélxica, cursou estudos e comezou a traballar. Coñeceu ao que foi o seu marido, tivo dous fillos e fixo alí toda a súa vida laboral, mais agora que xa se xubilou, decidiu regresar a España e instalarse a vivir definitivamente en Viveiro motivada pola calidade de vida que ten na súa vila natal.
Os pais de María Luisa Labayen emigraron a Suíza, deixándoa a ela, xunto coa súa irmá maior, ao coidado dos seus avós. Regresaban de visita unha vez ao ano, cando tiñan vacacións. Cando a nai de Luisa tivo a terceira nena, levou a irmá maior para Suíza para que a axudara cos coidados, e Luisa continuou ao coidado dos seus avós. Decidiron regresar no ano 1975.
A exposición
A exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX» recolle unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.
Poderase visitar no Edificio de Usos Múltiples Casa Doutor Dopeso ata o 20 de abril, de luns a venres en horario de 8.00 a 15.00 h e os sábados de 10.00 a 14.00 h.