Hovik, El Arrebato, Imanol Arias o María Barranco, na programación de abril do Teatro Afundación
A programación do mes de abril do Teatro Afundación chega cargada de humor, música e teatro. Comeza con Pantomima Full, que se presentará os días 10 e 11, e rematará tamén con risas: o día 30 de abril subirá ao escenario o humorista Yunez Chaib, colaborador habitual de programas televisivos como La Revuelta. O grupo musical Semen Up volve xuntarse o 25 de abril, sobre o escenario do Teatro Afundación, para celebrar o 40 aniversario do seu nacemento. Na oferta mensual de cultura e espectáculos tamén haberá dous concertos de música clásica, unha nova cita coa Tempada de Abonos de teatro protagonizada por María Barranco e Imanol Arias, ou actuacións de monologuistas coma a actor libanés Hovik, coñecido pola súa participación en series como La Casa de Papel. Tamén chega ao Teatro Afundación en abril a xira do cantante El Arrebato. As entradas para o concerto de El Arrebato, ou para as dúas actuacións de Pantomima Full, están case esgotadas. As que quedan, para eses e para os demais espectáculos, poden obterse en Ataquilla.com.
Moito humor
Ademais de Pantomima Full, dúo formado por Alberto Casado e Rober Bodegas, que presenta o seu espectáculo Hecho a mano, o teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo programa en abril outros catro espectáculos de humor.
O 17 de abril, e tamén coas entradas xa practicamente esgotadas, preséntase o cómico arxentino Lucho Mellera co show El unipersonal de Lucho Mellera.
Un día despois, o 18 ás 20:30 horas, será a quenda de Hovik. O seu monólgo leva por título Grito. Hovik é cómico, así que haberá comedia na súa presentación. Pero tamén reflexión: Grito recupera un discurso acedo e profundo sobre temas coma a guerra ou a intolerancia que por momentos fará sentir incómodo ao público.
Cando remate a presentación de Hovik, o humor continuará no Auditorio do Teatro Afundación coa humorista Patricia Espejo. Será a partir das 22:30 horas. Presenta Comedia de la buena.
A actuación de Yunez Chaib, o 30 de abril ás 20:30 horas, completa as propostas de humor no mes de abril.
Teatro e música clásica
A Tempada de Abonos de teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo programa neste abril Mejor no decirlo, con María Barranco e Imanol Arias. Volve unha proposta de calidade na que, ademais de humor, haberá reflexión.
Na trama de Mejor no decirlo, un matrimonio que leva moitos anos de convivencia ten unha fórmula infalible: saber cando falar e cando calar. Pero, que pasaría se por unha vez decidisen dicir todo, absolutamente todo? O espectáculo poderá verse o 16 de abril ás 20:30 horas.
Xa o 22, será o público seguidor da música clásica o que volva ao Teatro Afundación. A Real Filharmonía de Galicia (RFG) volve presentarse na programación de abono de clásica. Chegará, esta vez, baixo a batuta de Paul Daniel. Estreará unha das 16 composicións breves que encargadas para celebrar os trinta anos de historia da RFG. Ademais, interpretarán Mar ao Norde, do compositor compostelán Fernando Buide (1980), e senllas pezas de Benjamin Britten e Jean Sibelius.
A música clásica volverá ao Teatro Afundación o 28 de maio acompañada de poesía. No recital Diálogos de voz y piano, a mezzosoprano Julia Portela Piñón e a pianista Olga Kobékina ofrecen unha viaxe por un repertorio para voz e piano a través de obras de compositores como Beethoven, Mozart, Rossini, Richard Strauss e Debussy. O programa explora diversas tradicións europeas, desde a elegancia da canción italiana e a profundidade do Lied alemán, ata a sutileza da mélodie francesa e a riqueza da canción española.
Semen Up e El Arrebato
Os días 24 e 25 de abril será a quenda do pop e do rock. El Arrebato presenta o día 24 ás 20:30 horas a súa xira El viaje inesperado. Asegura o cantante que o concerto será «un directo inspirado na improvisación que nos regala a vida, cando as cousas non saen como imaxinabas, pero que ao final terminan sendo xusto o que necesitabas».
Semen Up, unha das máis lendarias agrupacións musicais de movida viguesa dos anos 80, subirase ao escenario do Teatro Afundación o día 25 de maio ás 20:30 horas para conmemorar a súa historia, que dera os seus primeiros pasos hai agora 30 anos e se converteu nun dos grupos máis importantes do seu tempo en España.