Afundación crea un premio internacional para recoñecer a traxectoria en investigación educativa
Afundación, a Obra Social de ABANCA, convoca a primeira edición do seu Premio Internacional de Investigación Educativa, que se presentará mañá, na Universidade de Santiago de Compostela. Será no marco do XVII Congreso Nacional e IX Iberoamericano de Pedagoxía e o World Education Research Association (WERA) Focal Meeting 2021, por parte do seu presidente, Miguel Ángel Santos, e o presidente de Afundación e reitor presidente de IESIDE, Miguel Ángel Escotet. O galardón, que está dotado con 12 000 euros e terá carácter bienal, asume como obxectivo recoñecer a traxectoria de persoas destacadas polas súas achegas á investigación en educación en calquera dos seus niveis, dimensións ou modalidades.
Tal e como se recolle nas súas bases, poderán optar ao premio exclusivamente persoas físicas que non poderán presentarse a título individual, senón que deberán ser propostas por entidades ou organizacións. Este galardón créase en consonancia co carácter educativo de Afundación e a súa vontade de impulsar a educación tamén como materia científica capaz de contribuír moi significativamente ao desenvolvemento das persoas e os pobos e co fomento do pensamento na práctica educativa en todos os seus niveis e modalidades, tanto formais como non formais.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o próximo 1 de outubro e estenderase ata o 28 de febreiro de 2023. A resolución do Premio Internacional Afundación de Investigación Educativa corresponderá ao xurado que se nomee para o efecto e que estará composto por cinco destacadas personalidades do ámbito educativo. Unha vez finalizado o prazo de recepción de candidaturas e analizadas as mesmas, a resolución do premio darase a coñecer en xuño de 2023 e entregarase nos meses seguintes nun acto público.
Para a valoración teranse en conta, entre outros, a traxectoria docente, a publicación de libros e monografías en editoriais de prestixio e de artigos en revistas cientificamente acreditadas así como a dirección e participación en investigacións relevantes, a organización de congresos e seminarios de relevancia internacional ou outro tipo de premios recibidos. A persoa galardoada en cada edición deberá, segundo recóllese nas bases, realizar un traballo sobre o seu ámbito de especialización.