Mariscadoras de Cambados e voluntariado de Afundación retiran unha tonelada e media de residuos dos fondos marisqueiros
Mariscadoras da Confraría de Pescadores de San Antonio de Cambados, e persoas voluntarias de Afundación e ABANCA traballaron durante toda a mañá de hoxe para levar a cabo unha gran acción de limpeza dentro dos fondos marisqueiros cos que conta a localidade e nos que estas traballadoras do mar desenvolven día a día o seu traballo. Como resultado da acción, retiraron 1596 quilos de residuos.
Vellos pneumáticos semienterrados e grandes conxuntos de cordas e cabos enmarañados que viñan obstaculizando ata a data o traballo das mariscadoras, foron os obxectos máis voluminosos retirados durante o transcurso da actividade. Así mesmo, un dos grupos de persoas voluntarias dedicouse a retirar vidro, contabilizando máis de 4500 fragmentos. Ademais, nasas, metal non identificable, botellas e botes de plástico, unha batería de coche, unha bengala mariña, latas de refresco, plásticos de diversa índole, un reloxo ou unhas chaves de coche completan o abanico de residuos retirados polas voluntarias e voluntarios que participaron nesta nova acción de limpeza de PLANCTON, o plan de conservación territorial que a Obra Social de ABANCA vén levando a cabo desde o pasado mes de marzo e grazas ao cal se conseguiron xa retirar case oito toneladas de lixos mariños de diferentes lugares da costa e fondos da comunidade.
A actividade contou tamén coa colaboración do Concello de Cambados, quen se encargou de trasladar os residuos ao momento limpo, unha vez finalizadas as tarefas de clasificación e pesada coas que se puxo punto e final a esta intensa e frutífera mañá de voluntariado ambiental.
PLANCTON, que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, e que é complementario ao proxecto LIFE-IP INTEMARES, desenvolverase a semana próxima na praia da Lanzada, onde na mañá do sábado, como vén sendo habitual durante estes últimos anos, persoas voluntarias de ABANCA e Afundación levarán a cabo unha gran batida de limpeza de residuos ao longo de todo o areal.
PLANCTON un Plan de Conservación Territorial
Este gran proxecto impulsado pola Obra Social de ABANCA, pretende fomentar a conservación e sustentabilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de ámbito mariño existentes en Galicia dentro da Rede Natura 2000, así como nas zonas de orixe da actividade pesqueira que incide sobre a poboación das aves mariñas. Do mesmo xeito, PLANCTON ten como obxectivo espertar unha conciencia sostible no conxunto da nosa sociedade, e é por iso polo que xunto a estas accións de limpeza, o plan contempla a realización dunha serie de actividades complementarias de sensibilización e formación, sobre os valores intrínsecos da biodiversidade e a necesidade da súa conservación.
As imaxes da xornada de limpeza están dispoñibles na seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1oo2JXxTB-QjFh7xXskaqtSw0XpyYdbYL?usp=sharing