Pablo Seoane, en Butaca de Jazz de Afundación na Coruña
Pablo Seoane estará o vindeiro sábado 15 de novembro ás 20.00 horas na Sede Afundación A Coruña ante o público de Butaca de Jazz. Compositor, pianista e doutor en filosofía, Seoane leva arredor de tres décadas construíndo unha sólida traxectoria jazzística, en particular, e cultural, en xeral. Os seus concertos son sorprendentes viaxes sonoras construídas arredor da depurada técnica de Seoane que parten da elegancia clásica do jazz para construír unha sorprendente e emocionante experiencia musical.
O ciclo forma parte do programa «Cultura por alimentos», promovido pola Obra Social de ABANCA e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Desde o seu inicio, o programa mobilizou 84 toneladas de alimentos recadados en eventos culturais que se celebran en toda Galicia.
Imaxes nesta ligazón
Máis «Butaca de Jazz»
Carmen Vela Quartet. Sábado 22 de novembro. 20 horas. A frautista Carmen Vela e o seu cuarteto chegarán á Sede de Afundación para protagonizar o último dos concertos de Butaca de Jazz. Construirán a súa participación sobre o seu último traballo discográfico, En Continuo.
Con sonoridade jazzera e algunhas chiscadelas ao swing ou ao jazz latino máis clásico, a música de Vela ten unha sonoridade propia que camiña entre os sons máis contundentes e a textura da madeira. Afundación organiza o concerto de Carmen Vela Quartet no ciclo Butaca de Jazz en colaboración coa Plataforma Jazz España, a asociación sen ánimo de lucro que reúne a festivais, programadoras e programadores e feiras de jazz de toda España.