O Arrebato chega o venres 24 de abril en concerto ao Teatro Afundación
«Un directo inspirado na improvisación que nos regala a vida». Así describe o cantautor Francisco Javier Labandón, El Arrebato, os concertos da súa xira «El viaje inesperado», na que presenta o álbum homónimo, o que o artista lanzou a finais do pasado ano. El Arrebato presentarase en concerto no Teatro Afundación o venres 24 de abril (20:30 horas). Apenas quedan entradas dispoñibles en Ataquilla.com.
«O concerto, coma o disco, ten unha mensaxe moi bonita, de superación», asegura El Arrebato. O cantautor leva 25 anos sobre os escenarios. Forxou un estilo propio no que fusiona sonoridades pop con outras coma a rumba e o flamenco. El viaje inesperado é o seu décimo disco. «A pesar de que sexa o meu disco número 10, sinto bolboretas no estómago, coma se fose un debutante, a mesma ilusión e ganas de agradar coma naquel ano 2000».
As voltas da vida
O disco, e o concerto, irradian optimismo e celebración da vida. De aí que El Arrebato se refira á «improvisación que nos regala a vida» cando fala do seu novo directo. Porque o disco que presentará en Vigo xira, explica o cantante, sobre «as voltas que dá o destino cando ti crías ter o mapa claro, e de súpeto, sen aviso, cámbiache a ruta… e tamén o corazón, cando as cousas non saen como imaxinabas, pero que ao final rematan sendo xusto o que precisabas».
O concerto será un dos dous de música pop e rock que o Teatro Afundación acollerá a cuarta fin de semana do mes de abril. Un día despois, o día 25, Semen Up subirase ao escenario do Teatro Afundación para celebrar o cuadraxésimo aniversario do inicio da súa fundación como grupo musical e conmemorar a súa historia.
Xa en maio, o día 22, o público que prefire a música pop terá outra cita de relevancia no teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo. Chega en concerto o cantautor ferrolán Andrés Suárez. Tamén presentará o seu novo disco: Lúa. Tamén é o décimo. Aínda quedan entradas.
Hai unha imaxe de El Arrebato nesta ligazón