Música en directo con Mamá Cabra, obradoiros de canto e artes plásticas nos campamentos virtuais de Afundación
15.07.2020. A Obra Social de ABANCA presenta mañá, xoves 16 de xullo, no seu portal Afundación TV, outra nova sesión dos seus campamentos virtuais de verán para todas as idades. A terceira entrega do programa do obradoiro musical con Mamá Cabra, que será en directo, dará comezo ás 11.00 h. Tamén haberá actividades sobre canto, videocontos, artes plásticas e un obradoiro de creación de instrumentos musicais.
Gloria Mosquera e Tomi López, creadoras do grupo musical Mamá Cabra, propoñen para Afundación TV o obradoiro musical «Contos musicados» dirixidos ás familias con nenas e nenos a partir dun ano, en directo. Durante a actividade propoñerán xogos con elementos que temos en casa e cos que crear melodías, aprender e interpretar cancións sinxelas, e contar e cantar contos introducindo a música na narración. Esta será a derradeira sesión deste campamento, especialmente pensadas para público entre 1 e 7 anos. As inscricións para este programa, de acceso aberto e gratuíto, pódense formalizar aquí.
No Obradoiro de artes plásticas, as nenas e nenos poderán aprender a combinar a súa expresión artística coa súa expresión emocional, de tal modo que identifiquen a arte cun reflexo do seu estado de ánimo e como un mecanismo de conseguir expresalo.
Pola súa banda, no Obradoiro de creación de instrumentos musicais traballarase sobre un dos esenciais: a frauta. En cada unha destas sesións ensinarase como realizar un instrumento representativo de cada unha das familias presentes nunha orquestra.
Na sección de «Videocuentos en familia», presentarase unha sesión de contacontos con relatos fabulosos. Mañá será a quenda de Medio pollo, unha narración de Carles García Domingo, coa compañía Zarándula.
Dentro de «Cantemos xunt@s», un obradoiro lúdico musical en torno a conceptos básicos da linguaxe musical e a interpretación vocal, a soprano e violonchelista Esperanza Mara dirixirá os máis novos nestes encontros divertidos en torno á música.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.