Os 200 participantes en Special Olympics desfrutarán na Residencia de Estudantes de Afundación de 3 concertos do musicoterapia
Serán público. E tamén intérpretes. Os 200 protagonistas dos Special Olympics, os campamentos de verán para persoas con discapacidade intelectual organizados por Special Olympics Galicia coa colaboración de Afundación, desfrutarán dun novo ciclo do programa «Música a flor de pel» da Obra Social de ABANCA. Tres concertos liderados polo percusionista, cantante e musicoterapeuta Pedro Campos nos que a música e o baile son a ponte de conexión. Nas sesións musicais québranse as barreiras tradicionais entre músicos e público, nelas cada unha das persoas participantes colle os diferentes instrumentos e experimenta con eles. Os concertos celebraranse o 1, 9 e 16 de agosto na Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra, que acolle os campamentos ata o 21 de agosto.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa este programa especial de acceso á música en directo como parte da súa aposta pola cultura con sensibilidade social, consciente da importancia da música como canle de comunicación e incentivo para as melloras cognitivas, socio-emocionais e motrices.
«Música a flor de pel» forma parte por cuarto ano consecutivo do programa de Special Olympics Galicia. Nel inclúese unha ampla oferta de actividades co obxectivo de propiciar a inclusión, así como garantir que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento gocen das súas vacacións estivais nas mesmas condicións que o resto da sociedade.
SPECIAL OLYMPICS GALICIA
Special Olympics Galicia, creada no ano 2000, é a Asociación de Pais, Profesionais e Familias a prol da promoción do tempo libre e o deporte para persoas con discapacidade intelectual. A súa misión é proporcionar todo tipo de actividades de lecer, deporte, cultura e de dinamización do voluntariado, co fin de mellorar as condicións físicas e psíquicas das persoas con discapacidade intelectual.
O seu obxectivo é promover a inclusión social de persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, a práctica deportiva e o lecer, dando a oportunidade a todas as persoas participantes de gozar das súas vacacións en igualdade de condicións co resto da sociedade.
Podes descargar imaxes dos concertos de «Música a flor de pel» da pasada edición de Special Olympics nesta ligazón