Miguel de Lira, Ana Duato, Darío Grandinetti o María Barranco, na Temporada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra
A nova Temporada de Abonos de teatro do Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra programa 5 espectáculos no primeiro semestre do novo ano. O público poderá asistir, sempre en funcións programadas nas noites dos venres, a unha mostra dalgúns dos espectáculos máis celebrados en España nos últimos meses. Un dos grupos teatrais galegos máis importantes pola súa traxectoria e recoñecementos, Chévere Teatro, será o primeiro en comparecer para presentar a montaxe Ictus, anatomía da derradeira leición do Dr. Castelao. Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo lideran o elenco. Os seguintes espectáculos farán pasar polo escenario do Auditorio da Obra Social de ABANCA en Pontevedra a intérpretes como Ana Duato, Darío Grandinetti, María Barranco, Imanol Arias ou Carmen Morales.
Os abonos con prezo reducido e que permiten acceder aos 5 espectáculos poden adquirirse en Ataquilla.com desde este xoves, 18 de decembro, e ata o 18 de xaneiro. A partir desa data, será posible adquirir entradas soltas sen redución de prezo.
De Castelao a Marguerite Duras
Chévere Teatro chegará coa súa nova produción a Pontevedra o 27 de febreiro, tan só unha semana despois da súa estrea en Santiago. O seguinte espectáculo, La música, con Ana Duato e Grandinetti, poderá verse no Auditorio da Sede de Afundación o 13 de marzo.
En Ictus, anatomía da derradeira leición do Dr. Castelao, Chévere utiliza como fío condutor a historia do coñecido cadro de Castelao A derradeira lección do mestre para abordar temas como a memoria da emigración e do exilio na Arxentina. XRon dirixe o espectáculo.
En La música, Duato e Grandinetti, coa dirección de Magüi Mira, dan vida a un texto de Marguerite Duras que narra o reencontro dunha parella cuxos membros levan dous anos afastados e que se reúnen nun hotel, durante toda unha noite, para pechar os trámites do seu divorcio. O amor, a dor ou a paixón son parte fundamental da historia.
Dúas obras para sendas parellas de intérpretes
Os dous seguintes espectáculos do primeiro semestre da Temporada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra tamén son obras para dous intérpretes, e tamén abordan, desde planos diferentes, historias de relacións interpersoais.
Imanol Arias e María Barranco presentan o 17 de abril a comedia Mejor no decirlo. Na trama, os dous integrantes dun matrimonio que fixo do saber cando falar e cando calar o segredo da súa longa duración, pregúntanse que pasaría se comezasen a dicirse todo entre eles, absolutamente todo.
Querida Agatha Christie, que chega ao Auditorio da Sede da Obra Social de ABANCA en Pontevedra o 8 de maio, é a historia ficticia dun encontro casual nun hotel de Tenerife entre a escritora británica Agatha Christie e o literato español Benito Pérez Galdós. O encontro sucede nunhas horas nas que a novelista está a considerar suicidarse. Compartirán segredos, fobias, mentiras, desexos e frustracións. Juan Carlos Rubio escribe e dirixe Querida Agatha Christie. Protagonizan a obra Carmen Morales e Juan Meseguer.
Os inmaduros Carlos Sobera e Ángel Pardo
A Temporada de Abonos de teatro de Afundación despedirase de Pontevedra ata despois do verán cunha divertida historia protagonizada por dous homes que, pasados os 50, seguen sendo absolutamente inmaduros. Con Carlos Sobera e Ángel Pardo á fronte dun elenco de seis intérpretes, a obra, titulada Inmaduros, expón de forma amena temas como as diversas formas de relacionarse.
A historia comeza cando un dos protagonistas se separa tras 25 anos de matrimonio e un amigo tenta axudalo presentándolle mulleres que, confía, lle axuden a saír da melancolía e da depresión. A amizade é outro dos asuntos sobre os que se constrúe a trama de Inmaduros.
«Cultura por alimentos»
A Temporada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolvido pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos espectáculos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores dispostos para tal fin na Sede de Afundación en Pontevedra. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión da Boa Vila e da súa área de influencia.
Hai imaxes dalgúns dos espectáculos nesta ligazón