Máis de 75 persoas visitarán Ámsterdam co programa de viaxes de ocio e cultura de Afundación para maiores de 55 anos
Continúa o programa de viaxes de lecer e cultura para persoas maiores de 55 anos deste ano 2026, organizado por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Esta edición conta con máis de 400 persoas anotadas para gozar da experiencia de viaxar con este programa que combina o descubrimento de patrimonio cultural, a visita de paisaxes únicas e oportunidades de convivencia.
Nesta ocasión o destino é a Ámsterdam, que contará con dúas quendas de viaxe, a que partirá mañá, martes 16 de xuño con 34 persoas anotadas, e a que o fará o día 30 deste mesmo, con 42 inscricións. A alta demanda destas propostas é unha constante que non é inusual que acabe implicando a apertura de máis quendas de viaxe, como acaba de ser o caso con esta a Ámsterdam.
Todas as viaxes inclúen o desprazamento desde os Espazos +60 ata o aeroporto, ida e volta; voos con taxas incluídas, hoteis de tres e catro estrelas con pensión completa, guía acompañante e guía local, con audioguías individuais para as visitas, e seguro de viaxe e cancelación.
A Obra Social de ABANCA comezou a incluír as viaxes na súa programación de actividades no 2016. Ademais do turismo e do coñecemento de destinos de interese en todo o mundo, as viaxes están pensadas para apoiar a dinamización das relacións entre participantes. Dous membros do equipo de Afundación acompañan ás persoas viaxeiras en cada destino.
ENTIDADE DE REFERENCIA NO TRABALLO EN ENVELLECEMENTO ACTIVO
Os programas grupais da Área de Maiores de Afundación fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado.
Toda esta proposta programática impúlsase desde os once Espazos +60 cos que a Obra Social de ABANCA conta en toda Galicia. Con vocación inclusiva e innovadora, deséñase poñendo no centro as persoas maiores, codiseñando con elas as propostas nas que participan, para contribuír a erradicar o idadismo, seguir avanzando cara a unha sociedade libre de estereotipos cara ás persoas maiores e poñer en valor as súas experiencias a través de iniciativas colaborativas e formativas.
A programación céntrase en tres ramas principais: a aprendizaxe permanente, a promoción da saúde física, emocional e relacional, e a contribución social a través do voluntariado.