Máis de 70 persoas visitarán Córdoba e Italia co programa de viaxes de ocio e cultura de Afundación para maiores de 55 anos
Comeza o programa de viaxes de lecer e cultura para persoas maiores de 55 anos deste ano 2026, organizado por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Este inicio de edición, case 400 persoas están xa anotadas para gozar da experiencia de viaxar con este programa que combina o descubrimento de patrimonio cultural, a visita de paisaxes únicas e oportunidades de convivencia. Visitaranse tanto destinos nacionais, como Córdoba ou Valencia, ata internacionais entre os que destacan Tunes, Vietnam, Camboxa, Córsega e Sardeña.
A primeira parada será Córdoba, en Andalucía, onde viaxarán 31 socios e socias dos Espazos +60 Afundación entre o 9 e o 14 de abril. Nesta viaxe os participantes descubrirán o rico legado das culturas que conformaron a identidade da rexión. O percorrido abrangue dende a Mezquita-Catedral e a cidade palatina de Medina Azahara, ata espazos singulares da provincia como a Xudaría, a Praza da Corredera ou o Templo Romano. A experiencia profundará na tradición local con visitas ao Patio de San Basilio e o Palacio de Viana, así como aos municipios de Lucena e Priego de Córdoba e a cidade de Montilla. O itinerario completarase cunha incursión ao conxunto amurallado de Carmona, pechando unha viaxe na que desfrutar da historia, tradición, cultura e esencia do sur da península.
Italia será o segundo destino. Do 10 ao 14 de abril, 46 socios e socias descubrirán algúns dos lugares máis emblemáticos do norte do país. En Milán, os viaxeiros coñecerán o Duomo e a elegante Galleria Vittorio Emanuele II antes de poñer rumbo cara os grandes lagos. Dende alí, continuarán o seu itinerario por Como e a localidade de Stresa, punto de partida para explorar as Illas Borromeas e o impoñente Palazzo Borromeo na Isola Bella. O percorrido seguirá cara o sur do Lago di Garda para descubrir a península de Sirmione, e posteriormente cara Verona, onde visitarán o seu Anfiteatro romano e o icónico balcón de Xulieta. A experiencia culminará en Venecia, cunha travesía pola lagoa de San Marcos, o descubrimento da artesanía en Murano e un paseo en góndola polas súas canles, nunha viaxe que combina a beleza alpina coa maxia do Adriático.
Así, darase comezo ao programa deste 2026, que ofrece aos participantes propostas que combinan a cultura e o lecer de calidade, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras.
Todas as viaxes inclúen o desprazamento desde os Espazos +60 ata o aeroporto, ida e volta; voos con taxas incluídas, hoteis de tres e catro estrelas con pensión completa, guía acompañante e guía local, con audioguías individuais para as visitas, e seguro de viaxe e cancelación.
A Obra Social de ABANCA comezou a incluír as viaxes na súa programación de actividades no 2016. Ademais do turismo e do coñecemento de destinos de interese en todo o mundo, as viaxes están pensadas para apoiar a dinamización das relacións entre participantes. Dous membros do equipo de Afundación acompañan ás persoas viaxeiras en cada destino.
ENTIDADE DE REFERENCIA NO TRABALLO EN ENVELLECEMENTO ACTIVO
Os programas grupais da Área de Maiores de Afundación fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado.
Toda esta proposta programática impúlsase desde os once Espazos +60 cos que a Obra Social de ABANCA conta en toda Galicia. Con vocación inclusiva e innovadora, deséñase poñendo no centro as persoas maiores, codiseñando con elas as propostas nas que participan, para contribuír a erradicar o idadismo, seguir avanzando cara a unha sociedade libre de estereotipos cara ás persoas maiores e poñer en valor as súas experiencias a través de iniciativas colaborativas e formativas.
A programación céntrase en tres ramas principais: a aprendizaxe permanente, a promoción da saúde física, emocional e relacional, e a contribución social a través do voluntariado.