Máis de 200 persoas visitarán Turquía, Xapón e Usbequistán co programa de viaxes de ocio e cultura de Afundación para maiores
Continúa o programa de viaxes de lecer e cultura para persoas maiores de 55 anos deste ano 2025, organizado por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Ata hoxe, case 300 persoas gozaron este ano da experiencia de viaxar con este programa que combina o descubrimento de patrimonio cultural, a visita de paisaxes únicas e oportunidades de convivencia. Visitaron tanto destinos nacionais coma internacionais, desde Málaga, Lisboa ou Navarra ata Budapest, Puglia, París ou Islandia.
A seguinte parada será Istambul e a Capadocia, en Turquía, onde viaxarán 92 socios e socias dos Espazos +60 Afundación entre o 15 e o 22 de setembro. Durante esta viaxe descubrirán as paisaxes únicas de Capadocia, incluíndo os vales de Avcilar, Güvercinlik e o val do Amor, así como a fortaleza de Uchisar e unha cidade subterránea escavada polas primeiras comunidades cristiás. En Istambul, percorrerán lugares emblemáticos como a Mesquita Azul, Santa Sofía, o Gran Bazar, o Bósforo en barco, o outeiro de Çamlıca e os barrios históricos de Fener e Balat, ademais de coñecer a igrexa de ferro de San Esteban e a animada contorna de Taksim e Istiklal.
Xapón será o seguinte destino. Repartidos en dúas quendas, do 18 ao 28 de setembro e do 23 ao 2 de novembro, 81 socios e socias descubrirán algúns dos seus lugares máis emblemáticos. En Tokio coñecerán o Palacio Imperial, o Santuario Meiji, o templo Sensoji e a animada avenida de Ginza. Desde alí, continuarán o seu itinerario cara ao Monte Fuji e ao castelo de Matsumoto, antes de se adentrar na tradicional Takayama e o pobo histórico de Shirakawago. En Kioto visitarán o Castillo de Nijo, o Pavillón Dourado, o templo Ryoan-ji e o barrio de Gion. Tamén viaxarán a Hiroshima e Miyajima, co seu célebre torii flotante, e coñecerán Nara, co seu parque de cervos e o templo Todai-ji. O itinerario culminará en Osaka, co seu castelo, o observatorio do Umeda Sky Building e as luces de Dotonbori, nunha experiencia que combina historia, cultura e modernidade.
A seguinte viaxe programada será do 29 de outubro ao 6 de novembro. 40 socios e socias coñecerán Usbequistán seguindo a lendaria Ruta da Seda. En Tashkent visitarán o Complexo Khasti Imam, o Museo do Corán de Usmán e o animado bazar Chorsu. Continuarán cara a Samarcanda, onde destacan a Praza Registán, a Mezquita Bibi-Khanum, o Mausoleo Gur-Emir e o complexo Shakhi-Zinda. En Bukhara descubrirán o Complexo Lyabi Hauz, o conxunto Poi-Kalon co seu icónico minarete, a Cidadela Ark e o Mausoleo dos Samánidas. A viaxe finalizará en Khiva, cidade-oasis co recinto amurallado de Ichan-Kala, Patrimonio da Humanidade, que alberga xoias como o Minarete Kalta Minor, a Mezquita Juma e o palacio Tash Hovli. Un percorrido cheo de historia e monumentalidade no corazón de Asia Central.
Antes de que remate o ano aínda se realizará unha saída máis: no mes de decembro farase un cruceiro polo Danubio.
Así, prevese pechar o ano cun total de 482 participantes neste programa de Afundación, o que demostra o gran interese dos socios e socias dos Espazos +60 por estas propostas que combinan a cultura e o lecer de calidade, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras.
Todas as viaxes inclúen o desprazamento desde os Espazos +60 ata o aeroporto, ida e volta; voos con taxas incluídas, hoteis de tres e catro estrelas con pensión completa, guía acompañante e guía local, con audioguías individuais para as visitas, e seguro de viaxe e cancelación.
A Obra Social de ABANCA comezou a incluír as viaxes na súa programación de actividades no 2016. Ademais do turismo e do coñecemento de destinos de interese en todo o mundo, as viaxes están pensadas para apoiar a dinamización das relacións entre participantes. Dous membros do equipo de Afundación acompañan ás persoas viaxeiras en cada destino.
ENTIDADE DE REFERENCIA NO TRABALLO EN ENVELLECEMENTO ACTIVO
Os programas grupais da Área de Maiores de Afundación fomentan a socialización, a aprendizaxe ao longo da vida, o benestar, o desenvolvemento persoal e o aproveitamento da experiencia vital e profesional das persoas maiores a través de proxectos interxeracionais e de voluntariado.
Toda esta proposta programática impúlsase desde os once Espazos +60 cos que a Obra Social de ABANCA conta en toda Galicia. Con vocación inclusiva e innovadora, deséñase poñendo no centro as persoas maiores, codiseñando con elas as propostas nas que participan, para contribuír a erradicar o idadismo, seguir avanzando cara a unha sociedade libre de estereotipos cara ás persoas maiores e poñer en valor as súas experiencias a través de iniciativas colaborativas e formativas.
A programación céntrase en tres ramas principais: a aprendizaxe permanente, a promoción da saúde física, emocional e relacional, e a contribución social a través do voluntariado.