Maldita Nerea presenta no Teatro Afundación a súa xira máis íntima: «Origen: el camino de las canciones»
«Unha viaxe íntima cara ao corazón da música de Maldita Nerea». É a proposta do cantante e compositor Jorge Ruiz, ou o que é case o mesmo, Maldita Nerea, para o concerto que ofrecerá o sábado 30 de maio no Teatro Afundación (21:00 horas). Aínda hai entradas dispoñibles en Ataquilla.com.
O espectáculo foi deseñado como un «espectáculo completamente diferente onde a improvisación e o público son os protagonistas». O título da xira da que forma parte o concerto, «Origen: el camino de las canciones», é unha declaración de intencións. Ruiz volverá sobre a xénese da súa música que no programa do concerto é calificada de «interna e emocional».
25 anos de historia
Jorge Ruiz creou en 2001 Maldita Nerea. Asegura, en entrevistas, que realmente sempre se sentiu un compositor, e que foron as circunstancias as que o converteron no cantante das súas propias cancións. Murciano de 1975, Ruiz tamén é terapeuta e mestre de audición e linguaxe. O nome do grupo ten que ver coa súa preferencia polo anonimato e porque o nome Nerea xa o usaba para referirse á música.
Maldita Nerea publicou o seu primeiro disco en 2003. No ano 2007, co álbum «El secreto de las tortugas», comezaría a ter un impacto importante no panorama musical.
A partir de aí, chegarían os discos de platino, múltiples números un nas principais listas de éxitos e plataformas dixitais, e premios de amplo recoñecemento. O seu álbum de estudo máis recente é «Manual para seres maravillosos», publicado en 2023.
O concerto é a última das actividades propostas non mes de maio polo Teatro da Obra Social de ABANCA. Trátase dunha cada dous días. No mes de xuño haberá un total de 9 espectáculos distribuídos en 14 pases. A obra teatral Escenas de la vida conyugal, con Ricardo Darín e Andrea Pietra no elenco, poderase ver en 6 sesións diferentes entre o 17 e o 21 de xuño.
Hai unha imaxe de Maldita Nerea nesta ligazón