Laura Ferrero, Fernando Iwasaki e Noemí Sabugal, finalistas do XLVI Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba
Tres columnas de opinión de Laura Ferrero, Fernando Iwasaki e Noemí Sabugal son os artigos finalistas da 46ª edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba. Ferrero opta co artigo «Que vengan a buscarte» publicado no diario El País; Fernando Iwasaki con «A favor del sombrero», difundido no diario ABC; e Noemí Sabugal presentou ao premio o texto de opinión «Escuchar es un arte», tamén de El País.
O xurado, presidido este ano polo escritor leonés José María Merino, volverá deliberar na mañá do vindeiro 14 de xaneiro para elixir á persoa gañadora. A súa decisión farase pública no transcurso dun evento que se celebrará ese mesmo mediodía no Hotel Palace de Madrid. A dotación económica do galardón é de 10.000 euros. Este ano, por primeira vez, as dúas persoas finalistas recibirán cadanseus premios de 2.000 euros.
A coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores, lembrou tras darse a coñecer a decisión do xurado, que este ano se presentaron ao galardón 238 candidaturas procedentes de 17 países. Desde España chegaron 179 artigos. Arxentina (15), Colombia (11) e Venezuela (5) son os seguintes países en importancia polo número de candidaturas presentadas. «Os números, en canto a candidaturas, son similares aos do pasado ano, e a calidade dos artigos recibidos volveu poñerllo moi difícil ao xurado para elixir tan só a tres finalistas».
O xurado
O membro da Real Academia de la Lengua Española e escritor José María Merino actuou por segundo ano consecutivo como presidente do xurado. Acompañárono, como vogais, o director da Fundación Gabo, o colombiano Jaime Abello; a escritora e xornalista Cristina Sánchez Andrade; o gañador da anterior edición do certame, Alberto Olmos; e o tamén escritor e xornalista Ramón Pernas. O director de Comunicación de ABANCA, Isaac González Toribio, é o secretario do xurado. Antes ca Merino, e desde a primeira edición do galardón en 1980, ocuparon a presidencia os tamén literatos Gonzalo Torrente Ballester e Alfredo Conde.
Con case 50 anos de historia, o Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba é un dos galardóns da súa categoría máis importantes en lingua española. A persoa elixida nesta edición sumarase á extensa nómina de persoas premiadas desde 1980: Gonzalo Fernández de la Mora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fuente, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, Luis Pousa, Bibiana Candia, Manuel de Lorenzo Paradela, María Sánchez, e Alberto Olmos, gañador da pasada edición.
Imaxes e artigos dispoñibles AQUÍ