As claves científicas do envellecemento do cerebro, nos «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» de Afundación
Teremos cura para enfermidades como o alzhéimer e o párkinson? Por que algúns transtornos neurodexenerativos son máis comúns na vellez? Que é a xerociencia? Sobre estes e outros temas versará a primeira das actividades dunha nova edición dos «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» que organiza Afundación. Terá lugar o día 24 de outubro no Centro Obra Social ABANCA en Santiago (ás 18.30 horas, Praza de Cervantes s/n).
Serán dúas especialistas de primeiro nivel mundial as que compartan os seus coñecementos neste diálogo aberto ao público, que leva o título de «Cando o cerebro envellece: retos e esperanzas». Trátase de Ana María Cuervo, directora do Centro de Estudios sobre o Envellecemento do Albert Einstein College of Medicine de Nova York; e da a catedrática de Bioloxía Celular da Universitat de Valencia Isabel Fariñas, referente internacional no estudo das células nai neurais. A sesión estará moderada polo doutor Manuel Collado, investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía, dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, e que dirixe o seu grupo de investigación no CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela.
Perspectiva multidimensional
Os «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» son un ciclo divulgativo e científico no que voces autorizadas abordan, desde unha perspectiva multidimensional, accesible e amena, aspectos da investigación científica relacionados co proceso do envellecemento. Nos diálogos trátanse, ademais, os factores cotiáns e sociais que inflúen en como vivimos e envellecemos – a nutrición, o exercicio, o soño, as relacións sociais, etc. – sobre os que podemos incidir de forma directa ao longo da nosa vida. Afundación, que ten coma parte da súa misión potenciar o papel das persoas maiores na sociedade, promove esta actividade en colaboración co laboratorio de investigación ColladoLab do CIMUS da USC, liderado por Manuel Collado, e a Fundación IDIS, e enmarcado no congreso da Sociedade Española de Bioloxía Celular (SEBC2025, https://sebc2025.org) que terá lugar na Facultade de Bioloxía da USC entre os días 21 e 24 de outubro.
Voces expertas
Na primeira das actividades, a deste 24 de outubro, tamén se abordarán asuntos como a capacidade do cerebro para adaptarse a novas situacións ou a rexenerarse, os avances da xerociencia ou os mecanismos que poden favorecer o proceso de limpeza celular, como é o caso do soño ou o xaxún.
Ambas as participantes levan anos liderando investigacións relacionadas con estes asuntos. A doutora Ana María Cuervo é catedrática Robert e Renée Belfer no Albert Einstein College of Medicine de Nova York, onde ademais de dirixir o Centro de Estudos sobre o Envellecemento é profesora distinguida de Bioloxía Molecular do Desenvolvemento e de Medicina. Cuervo é a responsable dun grupo pioneiro no estudo dos mecanismos de limpeza e reciclaxe celular e o seu papel no envellecemento e en enfermidades como o alzhéimer, o párkinson ou os trastornos metabólicos. Está entre o 1 % das voces científicas máis citadas do mundo.
Pola súa banda, a doutora Isabel Fariñas é catedrática de Bioloxía Celular na Universitat de Valencia e coordinadora da unidade de Neurobioloxía Molecular (NeuroMol). É un referente internacional no estudo das células nai neurais e o seu microambiente. En 2024 foi distinguida co Premio Nacional de Investigación Santiago Ramón y Cajal. Fariñas representa unha das voces máis influíntes na neurociencia española e europea
Diálogos en tres niveis
Os «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» organízanse en tres niveis. Por unha banda, celébranse encontros con personalidades científicas dos ámbitos da bioloxía, demografía, economía, psicoloxía, medicina, etc. para presentar os avances e perspectivas das investigacións sobre o envellecemento e a lonxevidade, coma o do 24 de outubro. Organízanse en Santiago de Compostela en colaboración con institucións científicas coma a Fundación IDIS e ColladoLab.
En segundo lugar, «Diálogos sobre lonxevidade e envellecemento» programa en diferentes sedes de Afundación conversas con profesionais da saúde e do benestar que aplican o coñecemento científico para promover unha vida máis duradeira e saudable. Ademais, a Obra Social de ABANCA desenvolverá, ao abeiro deste ciclo, obradoiros na súa rede de 11 Espazos +60 nos que as persoas maiores son as protagonistas e contribúen a construír unha cultura de envellecemento activo e saudable. É o caso do obradoiro «Como funciona o meu cerebro» no que os participantes poden aprender máis sobre os cambios naturais e patolóxicos que se producen no cerebro co paso do tempo, os factores de risco e protectores da saúde cerebral, e sobre cuestións prácticas relacionadas con funcións cognitivas coma a memoria ou a atención. A programación inclúe así mesmo os proxectos «Coñecendo as Emocións» e «Profundizando as emocións», ou obradoiros de prevención da saúde cognitiva ou de atención ás condicións físicas.
Hai imaxes dispoñibles nesta ligazón