«A Coruña, arte e texturas», con 29 obras do «pintor dos edificios vivintes», Rafael Velloso en Afundación
«Foi unha experiencia de creatividade e goce interpretar a marabillosa arquitectura da Coruña». Así se refire o pintor Raúl Velloso (Cangas do Morrazo, 1965) ao proceso de preparación, durante o último ano, da exposición «Coruña, arte e texturas», que se abriu esta tarde na Sede de Afundación na Coruña, onde estará ata o vindeiro 21 de marzo. No acto de inauguración participaron, ademais do artista, o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Xosé López Campos; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.
Na mostra, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, preséntanse 29 obras do artista, 25 delas creadas para a ocasión. Raúl Velloso, tamén coñecido como «o pintor dos edificios vivintes», é identificado polo seu estilo curvilíneo na interpretación das edficacións. Entre os traballos que exhibe na súa exposición na Sede da Obra Social de ABANCA, poden verse as súas diferentes interpretacións de edificios emblemáticos da cidade herculina, que conviven con temas e figuras de tempos afastados e latitudes distantes, enriquecendo unha mostra na que a clave está na convivencia dos distintos elementos.
Un artista atípico
Raúl Velloso, que expón por primeira vez na cidade da Coruña, é un artista atípico. Comezou a pintar cando tiña preto de 30 anos. Daquela vivía en Barcelona e o seu encontro coa pintura fora casual. Pero resultou para sempre. Poucos meses despois da súa primeira exposición nunha cafetaría en Vigo en 1995, cando apenas comezara a dar os seus primeiros pasos no mundo da pintura, exhibiría a súa obra no Centro Galego de Barcelona. Moi rapidamente exporía nunha prestixiosa sala da cidade condal. E comezou a despregar, desde entón, unha actividade constante. Primeiro foi en Cataluña, Mallorca e Galicia. Logo a súa obra chegaría a Suíza, Portugal e París.
Na súa plástica percibimos esa creatividade intensa que, no seu momento, levou ao propio Antoni Tàpies a alentar a un Velloso neófito, animándoo a perseverar nun estilo que, pasado xa algún tempo, afírmase rotundo na súa singularidade. Nel conviven a inspiración de quen se formou no autodidactismo e a presenza dunha tradición pictórica perceptible, por exemplo, nas formas arredondadas ou a ocupación de toda a superficie.
Velloso fixo en 2004 a súa primeira gran exposición en Galicia, na actual Sede Afundación en Vigo. Tres das súas obras forman parte da Colección de Arte Afundación. Influído polo post cubismo, o Dad, e Fernand Léger, a obra de Velloso é recoñecida pola súa execución, con modos de bordado de tapiz, en superficies compartimentadas e contrastantes de cor.
A exposición de Raúl Velloso na Sede de Afundación está chea de chiscadelas ao patrimonio urbano da Coruña. O público poderá ver igrexas, zonas emblemáticas e tres interesantes interpretacións da Torre de Hércules. Ademais, recupera unha das temáticas da súa obra, as geishas, como un tributo á industria téxtil.
Encontrarse co público
Raúl Velloso desfruta expoñendo, encontrándose co público, ensinando e explicando el mesmo a súa obra. De aí que el mesmo participará, dende o vindeiro mércores, 11 de febreiro, ata o mércores 18 de marzo, nunha visita guiada cada semana. Será sempre os mércores. Ás 19 horas. E o público poderá percorrer a exposición acompañado polo pintor, que explicará cada obra, falará sobre o seu traballo, e dialogará coas persoas asistentes. As visitas guiadas son de balde, previa reserva en Ataquilla.com.
«Cultura por alimentos»
A exposición «A Coruña, arte e texturas» forma parte do proxecto «Cultura por alimentos», desenvolto por Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas que visiten a mostra poderán deixar produtos non perecedoiros en contedores distribuídos pola Sede da Obra Social de ABANCA, que serán distribuídos polo Banco de Alimentos Rías Altas na Coruña e a súa área de influencia.
As imaxes da exposición e da inauguración estarán dispoñibles esta tarde nesta ligazón