A Real Filharmonía elixe a Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación para a estrea mundial de Clara
A programación da Tempada de Abonos de Clásica para a segunda metade do ano levará ao Teatro Afundación 4 concertos: dous da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), un do Orfeón Terra A Nosa, e a sesión titulada «A familia Shumann», na que a Real Filharmonía de Galicia (RFG) estreará Clara, a peza feita pola compositora mexicana Gabriela Ortiz en resposta a un encargo da formación musical compostelá. As persoas que xa dispuxeron de abono na anterior tempada poden renovalo desde hoxe e ata o domingo a través da comunicación que se lles fai chegar. Ou o luns 15 no despacho de billetes do Teatro (rúa Marqués de Valladares), en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 h. A partir do martes 16 de setembro ata o 12 de outubro poderanse adquirir os abonos en Ataquilla.com, cun 20 % de desconto sobre o prezo dos tíckets soltos. As entradas individuais estarán á venda a partir do 13 de outubro.
Con estes 4 concertos, serán 10 os celebrados baixo o paraugas da Tempada de Abonos de Clásica de Afundación en Vigo neste 2025 cando termine o ano. Entre xaneiro e xuño, preto de 2.000 persoas asistiron ás sesións musicais de abono da Obra Social de ABANCA en Vigo.
A OSG inaugura e despide
A Orquestra Sinfónica de Galicia será a encargada do primeiro e o último dos concertos programados despois do verán. No primeiro deles, o do 23 de outubro, comparecerá dirixida e acompañada ao violín por Roberto González-Monxas. Interpretarán Ma mère, l'oye, de Maurice Ravel, e tres composicións dun Mozart cuxa obra é especialmente próxima para González-Monxas. O director e instrumentista, tamén director musical da OSG, é ademais o director titular da Mozarteum Orchestra Salzburg, fundada en 1841 por quen foi a esposa de Mozart, Constanze Weber -polo seu apelido de solteira-, e polos dous fillos do matrimonio.
A OSG volverá presentarse no Teatro Afundación o 11 de decembro para despedir a Tempada de Abonos de Clásica. A finlandesa Eva Ollikainen levará a batura.
De Mozart a Shumann
A obra de Mozart estará tamén no centro da segunda das sesións musicais da tempada, a do 29 de outubro. O Orfeón Terra A Nosa titula «O Réquiem de Mozart» o concerto co que se presentará esa noite no Teatro Afundación. Soará a peza do xenial compositor austríaco de que dá nome ao programa. E tamén o Magnificat en do menor de Giovanni Battista Martini, quen foi profesor de compositores como Bach e o propio Mozart, de cuxo pai era ademais amigo.
Xa o 13 de novembro será a quenda da RFG. E da estrea de Clara, a peza creada por encargo para a formación musical galega pola compositora Gabriela Ortiz (Ciudad de México, 1964). A creadora norteamericana, que reivindica a mestizaxe coma ponte entre a alta cultura e a cultura popular, recibiu neste mesmo ano tres premios Grammy pola súa obra Revolución Dinamita.
Clara, a peza que Ortiz creou para a Real Filharmonía, homenaxea a figura de Clara Schumann. Pianista e compositora, Clara Wieck -polo seu apelido previo ao matrimonio-, foi ademais a esposa do músico Robert Schumann. Importante intérprete da súa época, tivo unha importancia central na difusión da obra do seu marido.
De Robert Schumann soará despois a Sinfonía núm. 3 en mi bemol. O director titular de RFG, Waldur Brönnimann, levará a batuta.
A estrea será a segunda realizado pola RFG no Teatro Afundación nun ano. O 8 de novembro de 2024, a orquestra compostelá presentou por primeira vez ao público, tamén durante a Tempada de Abonos de Clásica da Obra Social de ABANCA en Vigo, a obra Ceci n’est pas une valse, da compositora barcelonesa Raquel García-Tomás (1984). A peza foi un encargo da RFG, o Palau da Música Catalá, a Orquestra Sinfònica do Vallès, e a Fundació Catalunya-A Pedrera.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos de Clásica Teatro Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos concertos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.
Imaxes dispoñibles nesta ligazón