A OSG chega ao Teatro Afundación con Roberto González-Monjas coma director e solista e un programa con pezas de Ravel e Mozart
A Tempada de Abonos de Clásica volve ao Teatro Afundación logo do parón do verán cun concerto da Sinfónica de Galicia no que levará a batuta o seu director principal, Roberto González-Monjas. O programa está composto polas composicións Ma mère l’oye, de Maurice Ravel, e o Concerto para violín nº 2 en re maior K.211 de Wolfgang Amadeus Mozart. González-Monjas, tamén violinista, actuará ademais coma solista. O público que non dispoña de abono pode mercar entradas individuais para o concerto en Ataquilla.com.
A Sinfónica de Galicia chega a Vigo poucos días despois do inicio da súa segunda tempada con González-Monjas coma director principal. O músico vallisoletano é unha das figuras en auxe do panorama español da clásica. Compaxina o seu labor á fronte da OSG coas direccións da Mozarteumorchester Salzburg e o Musikkollegium Winterthur (Suíza), a Orquestra Nacional de Bélxica, e é director musical da Orquestra Iberacademy (Colombia) e director honorario da Dalasinfoniettan (Suecia).
De Ravel a Mozart
O programa do concerto da OSG en Vigo, mañá xoves este 23 de outubro, comeza con Ma mère l’oye, unha peza escrita para ser tocada en piano a catro mans e que está inspirada en contos clásicos de autoras e autores tan coñecidos coma Charles Perrault ou Madame Leprince de Beaumont.
A Sinfónica interpretará despois o Concerto para violín nº 2 en re maior K.211 de Wolfgang Amadeus Mozart. E trátase dunha oportunidade especial para escoitar a interpretación desta peza: a carreira de González-Monjas levouno a ter unha proximidade moi especial coa música de Mozart. A Mozarteum Orchestra Salzburg, que el dirixe, foi fundada en 1841 por quen foi a esposa do xenial compositor, Constanze Weber, e polos dous fillos do matrimonio.
Máis clásica en Afundación
As persoas afeccionadas á música culta teñen varias citas no Teatro Afundación nos vindeiros días e semanas. O venres 24, un día despois do concerto da OSG, será a Orquestra Clásica de Vigo a que suba ao escenario. Tocarán a V Sinfonía e o Concerto nº 3 para piano de Beethoven. O mércores 29, será o Orfeón Terra A Nosa a formación que se presente en concerto, nunha nova cita da Tempada de Abonos de clásica, cun programa que tamén volve sobre Mozart. Xa o 7 de novembro, a Orquestra Vigo 430 presenta «Sinerxias 430: Camiños cruzados», un concerto que explora a riqueza das músicas belga e francesa para violín e piano.
O 12 de novembro regresa a Tempada de Abonos de Clásica coa RFG e a estrea de Clara, a peza feita pola compositora mexicana Gabriela Ortiz en resposta a un encargo da formación compostelá. A composición homenaxea a Clara Schumann. Pianista e compositora, Clara Wieck —polo seu apelido previo ao matrimonio— foi ademais a esposa do músico Robert Schumann, na cuxa carreira tivo unha importancia central.
«Cultura por alimentos»
Os concertos forman parte do programa «Cultura por alimentos», desenvolvido pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas que asisten aos espectáculos poden colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores dispostos para tal fin. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e da súa área de influencia.
Hai imaxes da OSG nesta ligazón